O Bloque publica o perfil do seu candidato á portavocía nacional na web #contigo17M

O blogue creado pola organización frontista co gallo da súa XIV Asemblea nacional recolle desde hoxe a traxectoria política e profesional de Xavier Vence.
Xavier Vence
photo_camera Xavier Vence

Co obxectivo de dar a coñecer o seu candidato á portavocía nacional, o BNG vén de publicar na web #contigo17M un perfil de Xavier Vence en que recollen a súa traxectoria política e profesional. Vence encetou a súa andaina no nacionalismo en 1977 e desde aquela participou no eido sindical e na elaboración das liñas económicas da organización política que aspira a liderar. Aliás, a publicación repasa a traxectoria académica do catedrático en Economía aplicada e a súa bagaxe en numerosos organismos nacionais e internacionais xunto cos artigos e libros publicados. 

Após concluír o prazo de presentación das candidaturas (rematou esta segunda feira, ás 19 horas), e tal e como se presumía, a listaxe encabezada por Xavier Vence será a única candidatura que se submeta á consideración da militancia no conclave deste domingo 17 de marzo. Neste senso, cumpre lembrar que o colectivo Abrente --dirixido polo parlamentar Carlos Aymerich-- anunciara días atrás que non ía concorrer cunha listaxe propia á Asemblea nacional.

Comentarios