O Bloque pide "insubmisión" fronte a decisión de Bruxelas

Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, pediu aos gobernos da Xunta e Madrid que se rebelen contra unha política industrial europea que, di, supón "a destrución dos sectores produtivos galegos"

Desde o BNG lanzaron un chamamento aos gobernos galego e español para se declararen "insubmisos" á decisión anunciada por Bruxelas. Após coñecer que a Comisión europea obrigará ao naval a devolver as bonificacións percibidas entre 2007 e 2011, @s nacionalistas compareceron perante os medios de comunicación para valorar a decisión. 

"É unha política", aseguraron Xavier Vence e Ana Pontón, "contra a construción naval galega" e contra "os intereses" do sector. No entanto, para @s nacionalistas o anuncio do colexio de comisari@s débese sumar, indicaron, "ás realizadas no pasado" e que "cercenaron o naval galego" condenándoo a "unha prolongada crise". 

Vence chamou aos gobernos español e galego a se rebelaren perante unha política industrial comunitaria contraria, dixo, "aos intereses do sector naval galego"

Neste senso, desde o BNG exixiron á Xunta e ao Goberno español que "se rebelen" e se declaren "insubmisos" perante as políticas comunitarias habida conta que --como anunciou en comparecencia de imprensa Joaquín Almunia-- será o Estado español quen determine como e quen devolverá as axudas consideradas pola UE "ilegais". 

"Está na súa man", subliñou o voceiro nacional da organización frontista, "facer unha política intelixente" que pule pola viabilidade dun sector estratéxico para o país. 

Aliás, acrecentou o portavoz nacionalista, o futuro do naval en Galiza dependerá da existencia "dun sector financeiro" galego "cunha banca pública e industrial", dixo, que forneza de financiamento á economía real.

Comentarios