O Bloque exixe que se celebre un Pleno extraordinario após a decisión da Comisión europea

@s nacionalistas valoran, asemade, iniciar unha "acampada perante o Parlamento europeo" en protesta pola decisión comunitaria

 

A voceira de Industria do BNG na Cámara galega, Carme Adán, asegurou esta sexta feira que a organización frontista "non está disposta a consentir a destrución do sector naval galego”. Neste senso, exixiu a celebración dun pleno extraordinario no Parlamento para avaliar a decisión anunciada pola Comisión europea que obriga ao sector naval a devolver as bonificacións percibidas a través do tax lease.

Así pois instou á Deputación permanente da Cámara a se reunir coa maior celeridade posíbel para convocar unha sesión parlamentar extraordinaria o vindeiro 2 de xullo.

Adán, fixo un chamamento á cidadanía galega para secundar as mobilizacións convocadas polas centrais sindicais e mesmo avanzou a "vontade" da súa formación de "acampar perante o Parlamento europeo" como protesto. A deputada nacionalista, instou a Alberto Núñez Feijóo a abandeirar esa acampada "se é certo que quere amosar a súa indignación" e instou ao presidente da Xunta a encabezar a acampada c@s 75 parlamentares da Cámara. 

Carme Adán recuperou o lema empregado pola organización frontista nos anos 80 e asegurou que "a Unión Europea é a ruína do pobo galego". A voceira de industria nacionalista lembrou que após a pesca e a agricultura "agora tamén queren que desapareza o noso sector naval".

Comentarios