O Bloque chama a encher Galiza de bandeiras cara á un Día da Patria "masivo"

A organización frontista clamará este 25 de xullo pola soberanía política para Galiza como único instrumento, din, para ter futuro

Con Galiza "como centro de actuación" e "única prioridade". Así será o 25 de xullo para o BNG segundo afirmaron o secretario de organización, Bieito Lobeira, e a responsábel de campañas do Bloque, Montse Prado. 

Con motivo da presentación do cartaz que este ano acompañará a campaña do Día da Patria, desde o BNG lanzaron un chamamento á cidadanía galega para secundar de maneira masiva a manifestación convocada para o vindeiro 25 de xullo. Ao igual que cada ano, a mobilización partirá da Alameda compostelá ás 12.00 e percorrerá as rúas da capital da Galiza até rematar na Praza da Quintana. 

Alí, tomarán a palabra 19 representantes das delegacións internacionais que acompañarán á organización frontista na conmemoración do Día da Patria. Aliás --e ao igual que o pasado ano-- representantes dalgúns dos sectores máis prexudicados polas políticas dun goberno "que nos leva ao abismo económico" --sinalou Prado-- tomarán a palabra xunto co portavoz nacional da fronte, Xavier Vence e o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera García. 

19 delegacións internacionais, representantes do naval, da estafa das preferentes e desempregad@s intervirán no acto político da Quintana

Bandeiras en todas as xanelas para reclamar "a soberanía para Galiza"
Desde o BNG chaman a pendurar bandeiras galegas en todas as xanelas e balcóns do país para "popularizar a reivindicación da soberanía política de Galiza” como un dereito e necesidade contra a situación “dramática" que está a arrastrar o noso país. Un pobo, asegurou Lobeira, historicamente “maltratado, anulado e negado” por un marco político "que lastra a posibilidade de levantar cabeza" de Galiza. 

Neste senso, Lobeira vinculou a falta de soberanía aos problemas de moitos sectores produtivos galegos entre os que destacou o naval, pesqueiro, agrogandeiro, pequeno comercio e a fraude das preferentes. Así, @s nacionalistas exixen “a soberanía para Galiza” como único instrumento para non emigrar, para ter futuro, postos de traballo dignos nunha “Galiza rica en recursos”. Mais, que, aseguran,  debe "soltarse do lastre histórico" que supoñen a UE e o Estado español. 

Comentarios