O bipartismo repítese a si propio nun debate sen alternativas

Rajoy fixo de Rajoy e Rubalcaba, de Rubalcaba. Rajoy ten tan perfeccionado o seu personaxe que foi quen de saír do debate co líder do PSOE sen citar nen unha soa vez a palabra Bárcenas. Rubalcaba voltou a pedir a Rajoy que dese paso a outro deputado do PP. O bipartidismo parece máis fatigado que nunca.

O debate entre os dous líderes políticos pior valorados da historia do actual rexime español non deparou ningunhas surpresa. Todo tan previsíbel como ambos personaxes, políticos de dilatadísima carreira, xa no declive.

Rajoy despexou os golpes de Rubalcaba cunha incursión no pasado do líder do PSOE e mesmo lle reprochou que o criticase por financiamento irregular cando o partido socialista si foi condenado en firme por esa caste de prácticas (caso Filesa) e o PP, non. Aínda non, habería que engadir.

Rubalcaba reiterou a súa petición a Rajoy de demisión sen convocatoria de eleccións antecipadas. Ou sexa, que Rubalcaba non quer que se chame ás urnas e tampouco lle ve sentido a formular unha moción de censura. Fontes próximas a el afirman que o líder do PSOE continúa xogando coa hipótese dun goberno de coalición PP-PSOE presidido por un deputado popular distinto a Rajoy, talvez Gallardón.

Rajoy foi particularmente ácedo na resposta a Rubalcaba. "Eu non lle pedín [a vosté] a demisión, porque xa lla piden dentro do seu partido".

Non houbo alternativas concretas de fundo nen por parte de Rajoy nen por parte de Rubalcaba, alén dunha retórica invocación deste a reformar outravolta a Constitución para lle outorgar á sanidade a mesma protección e consideración que ten neste momento o pagamento da débeda pública.

Comentarios