O bipartidismo español fica só

PP e PSOE suspenden a xuntanza convocada coas demais forzas políticas na que procuraban a adhesión doutros grupos ao seu pacto sobre a UE. O soberanismo rexeitou a oferta mentres que Izquierda Plural avanzou que rexeitaría o acordo

"O máis difícil está feito" porén, "hai que maduralo máis". Así reaccionaron desde o Partido Popular após anunciar a suspensión da xuntanza que esta quinta feira convocaran os dous partidos maioritarios nas Cortes españolas e á que estaban convidadas as demais forzas políticas. Após rexeitaren o convite as forzas nacionalistas (CiU, PNV, Amaiur, ERC, Bloque) e advertir o grupo da Izquierda Plural que rexeitarían o acordo, PP e PSOE obtaron por desconvocar a xunta.

O bipartidismo --que tenta recuperar a política do pacto-- ficou só no primeiro intento por procurar a adhesión de outros grupos con representación ao seu primeiro acordo que, previsibelmente, será sometido a votación no Parlamento español o vindeiro 25 de xuño.

As forzas nacionalistas censuraron un pacto "precociñado" que din é "ambiguo" e continuísta coa política de recortes e medidas anti-sociais

"Só perseguen unha foto para reactivar o bipartidismo"

BNG, ERC e Amaiur rexeitaron o convite a un pacto "precociñado" que consideraron parte das "manobras do bipartidismo". A portavoz do Bloque no Congreso español, Olaia Fernández Davila asegurou que a súa formación non asistiría á xuntanza xa que "teñen todo amañado e acordado", denunciou, ao tempo que rexeitou seren chamadas para "que rubriquemos un documento no que non tivemos ningún tipo de participación”.

As formacións políticas minoritarias criticaron con dureza o pacto entre PP-PSOE e censuraron que o contido do texto achegado por ambos os dous partidos sexa "un brinde ao sol" baleiro de contido "ambiguo" e continuísta cunha política de recortes e "medidas anti-sociais". Un documento, salientaron desde o BNG "absolutamente economicista" que mesmo "acredita no actual sistema económico causante da crise".

Comentarios