A reivindicación dun Bierzo integrado na Galiza chega ao Parlamento galego

O BNG presenta unha iniciativa en colaboración con Coalición polo Bierzo, que pide que se escoite "a voz" dos bercianos

EuropaPress_3537864_diputada_bng_maria_gonzalez_albert_secretario_general_coalicion_bierzo_ivan
photo_camera María G. Albert e Iván Alonso (Foto: Europa Press)

O BNG dará voz no Parlamento galego á reivindicación de Coalición polo Bierzo de que esta comarca reciba a consideración administrativa de provincia, á vez que se solicita á Xunta que manteña a porta aberta a unha posíbel adhesión do Bierzo a Galiza.

A iniciativa, que será levada a pleno a través dunha proposición non de lei, pedirá o respaldo da Cámara galega á declaración do Bierzo como provincia, unha demanda "con ampla base" social que xorde da "vontade" do "pobo berciano", como recollen distintos estudos demoscópicos publicados nos últimos tempos.

Os encargados de presentar a proposición foron a deputada do BNG María González Albert e o secretario xeral de Coalición polo Bierzo, Iván Alonso, quen reclamou que "se escoite a voz dos bercianos" e se atenda ás súas demandas a través de mecanismos democráticos para o seu recoñecemento como provincia.

Segundo expuxo a parlamentaria do Bloque, unha enquisa publicada a comezos do pasado ano 2020 revelaba que os bercianos eran partidarios de constituír unha provincia propia que se incorporase a Galiza por diante de formar parte dunha hipótetica comunidade autónoma de León.

Ante a conmemoración en 2021 do bicentenario da constitución da provincia do Bierzo (que abarcaba, ademais da propia comarca, territorios do que hoxe é León, Lugo e Ourense), BNG e Coalición polo Bierzo consideran "acaído" impulsar esta reivindicación e traela ás institucións galegas.

Todo iso para crear un marco de "diálogo" entre a Administración galega e as entidades bercianas para explorar vías de colaboración que ensanchen os "moitos" vínculos que unen Galiza con esta comarca.

Unha "barreira" administrativa que a crise provocada pola pandemia acrecentou, segundo expuxo Iván Alonso. "Esa fronteira administrativa é un auténtico drama económico, social e de afectos que non se pode consentir", apostilou.

E é que para Coalición polo Bierzo e o BNG, a separación administrativa desta comarca con Galiza é "inxusta" e "discrimina" aos seus veciños á hora de acceder a servizos ou en materia de infraestruturas.

Comentarios