O alcalde de Santiago imputado na operación Pokemon

A xuíza instrutora do caso Pokemon chama a declarar o alcalde de Santiago de Compostela, Angel Currás.

O alcalde da capital galega, o 'popular' Miguel Ángel Currás, foi imputado esta quinta feira pola xuíza Pilar de Lara e deberá prestar declaración o vindeiro 17 de xaneiro no xulgado de Instrución nº1 de Lugo.

O rexedor do Partido Popular, que asumiu o cargo após a dimisión presentada por Gerardo Conde Roa o pasado mes de abril, é a segunda persoa membro da corporación municipal que é chamada a declarar no decorrer das investigacións. Neste senso, o pasado mes de novembro a concelleira de Ensino, Rebeca Domínguez, tamén foi imputada no mesmo caso xunto cun funcionario municipal. Ambos os dous acusados dun presunto caso de tráfico de influencias na contratación dun servizo de gardaría.

Fontes do concello de Santiago apuntan cara á unha posíbel imputación maior que podería sinalar máis persoas. Esta quinta feira, o alcalde de Santiago, comparecerá perante os medios de comunicación para esclarecer cal é a acusación que se lle imputa e se existen ou non máis persoas imputadas.

Comentarios