O alcalde de Pontevedra planta a Rajoy e Feijóo na súa visita á cidade

Miguel Anxo Fernández Lores asegura que "na situación actual, non temos nada que celebrar".

O presidente do goberno español, Mariano Rajoy participou esta sexta feira no acto de inauguración da ampliación do Museo de Pontevedra. O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, rexeitou participar no acto. Neste senso, Lores asegurou en declaracións a Sermos Galiza que coa súa "non asistencia" pretende "non avalar a política de recortes e diminución dos dereitos sociais" promovida desde Madrid. No entanto, a súa ausencia, foi tamén para o presidente do executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, quen tamén tomou parte da inauguración. "Nós tempos que corren, non están as cousas para saír a carón deles".

Fernández Lores: "Non quixemos avalar as súas políticas poñéndonos ao seu lado"

Desta maneira, o rexedor pontevedrés rebelouse contra a política "económica, social e laboral" desenvolvida desde o goberno español ao longo do seu primeiro ano de mandato. No entanto, Miguel Anxo Fernández Lores tamén asegurou que a súa decisión de non asistir ao acto organizado no Museo Provincial tiña "moito a ver co acontecido nestes últimos meses arredor do Padroado". O alcalde referíase desta maneira á supresión por parte da deputación do organismo que xestionou desde o comezo o museo, conformado por unha ampla variedade de institucións e persoas relacionadas co mundo da cultura.

"Non estamos de acordo con isto, polo que decidimos non ir" pois asegurou, "cremos que o comportamento da deputación é unha falta de respecto a algo que é de todos os pontevedreses". Naquela altura, o alcalde de Pontevedra procurara facer mudar de parecer o presidente da deputación á fin de que este non suprimise o Padroado nin excluíse o concello da xestión do museo. Porén, malia reiterar en diversas ocasións a vontade de se reunir con Louzán, mesmo apoiado por ex-presidentes do Padroado, Rafael Louzán "non quixo recibirnos", polo que agora "non temos nada que celebrar". 

Malia a ausencia do alcalde, diversos colectivos sociais decidiron asistir ao acto de inauguración e recibir os presidentes español e galego entre apupos. Neste senso, representantes sindicais da CIG e CC.OO manifestáronse ás portas do edificio para denunciaren as políticas de recortes aprobadas desde Madrid, entre elas a reforma laboral e das pensións, esta última en vigor desde a pasada terza feira, 1 de xaneiro.

Comentarios