POLÍTICA

O movemento de Baltar deixa entrever un mar de fondo na dereita

O movemento de Baltar deixa entrever un mar de fondo na dereita

José Luís Baltar, ex-presidente da Deputación de Ourense, vén de solicitar a súa baixa temporal como militante do Partido Popular. O amago de abandono prodúcese após iniciarse o proceso de investigación arredor dun cento de contratacións desenvolvidas en 2010 sob as que podería ter incorrido nun delito de prevaricación.

O ex-barón do Partido Popular prestará declaración perante o Xulgado de Instrución nº1 de Ourense a finais de xaneiro como único imputado no caso. O auto feito público esta semana polo xuíz asegura que Baltar Pumar podería ter incorrido nun delito de maneira continuada "prevaléndose da súa condición de presidente".

A poucos días do Congreso nacional do Partido Popular, a baixa do ourensán abre unha crise no seo do Partido Popular e pon os focos no que a partir deste momento poida facer o seu fillo, presidente actual da Deputación de Ourense. 

Cómpre lembrar que José Manuel Baltar Blanco chegou á presidencia do PP en Ourense, logo de gañarlle un Congreso ao candidato promovido por Feijóo. Todo apunta pois a que o abandono de Baltar --que se enfrontou directamente a Feijóo ao amparar a presentación de Mario Conde nas eleccións galegas-- preludia unha seria crise na dereita galega, entre o PP de Ourense e o aparato galego.

comentarios