Núñez Feixoo: “Reivindico a Galiza onde falamos español e castelán e o que nos interesa é aspirar a falar inglés”. Un lapso?

Núñez Feixoo reivindica “a Galiza onde falamos español e castelán e onde o que nos interesa é aspirar a falar inglés”. Do galego, nin rastro.

 

Núñez Feixoo e Pablo Casado en Abegondo (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Núñez Feixoo e Pablo Casado en Abegondo (Foto: M. Dylan / Europa Press)

“Eu reivindico a Galiza cordial, o bilingüismo cordial, a Galiza onde falamos español e castelán e onde o que nos interesa é aspirar a falar inglés”, dixo o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, nun acto do Partido Popular decorrido na sexta feira, 17 de decembro, en Abegondo e diante do líder estatal da formación, Pablo Casado.

Feixoo deixou atrás o galego, nin mención fixo ao idioma propio da Galiza. Un "lapso", presumibelmente, que chega nun momento en que se suceden informes de múltiples institucións críticos coa política lingüística da Xunta da Galiza, como o publicado en outubro pola Real Academia Galega, que evidencian o "efecto desgaleguizador" do ensino no país.

En concreto, o Mapa sociolingüístico escolar de Ames, un proxecto desenvolvido pola Real Academia Galega en colaboración co Concello de Ames, amosa "a perda de 10% de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil". Porcentaxe que "vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo até cifras extremadamente preocupantes".

Os procesos de substitución lingüística cara ao castelán inícianse, pois, na infancia e consolídanse na adolescencia, conclúe o traballo, que demostra que o medio escolar é hostil para o galego, pois non só non proporciona aos rapaces e rapazas galegofalantes o ambiente adecuado para desenvolveren as súas competencias e capacidades comunicativas na súa propia lingua, senón que provoca a súa retracción, e tampouco facilita que os castelanfalantes adquiran esas competencias.

Feixoo insta o PP a se preparar para as municipais de 2023

Durante o acto con Casado en Abegondo, e a dous anos das eleccións locais, o presidente da Xunta chamou a "prepararse para os comicios municipais de 2023" e ante unhas "eventuais" eleccións estatais en 2022. "Todo parece indicar que non vai haber eleccións [a Cortes]. En todo caso, calquera o diría vendo os movementos que hai no Goberno", expresou.

Na súa intervención, chamou a "construír proxectos en cada un dos concellos galegos e españois", ao tempo que cargou contra o Executivo de Pedro Sánchez, ao que cualificou como "o peor Goberno da historia".

Comentarios