Feixoo desouve a oferta de diálogo de Pontón para lograr un financiamento xusto por "alentar" folgas

O presidente da Xunta asegurou que sempre está aberto ao diálogo, en resposta ao convite realizado por Ana Pontón para negociar "unha postura de país" que logre un financiamento "xusto" para Galiza. Porén, Feixoo non se comprometeu e reprochou á nacionalista que "alente folgas" e queira investigar a crise nas residencias. 
Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero na sesión de control no Parlamento (Imaxe: Arxina)
photo_camera Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero na sesión de control no Parlamento (Imaxe: Arxina)

Ante o inminente debate no Congreso español dos Orzamentos Xerais do Estado, a portavoz do Bloque Nacionalista Galego e líder da oposición, Ana Pontón, aproveitou o pleno desta cuarta feira, 23 de setembro, no Parlamento para instar o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a "negociar unha postura de país" co obxectivo de lograr "o mellor financiamento para Galiza" en dous campos de batalla.

O primeiro é o debate sobre os orzamentos estatais e o segunda, no que ten a ver co reparto dos fondos europeos que recibirá o Estado (140 mil millóns de euros) para facer fronte á crise causada pola pandemia. 

“Non queremos que a improvisación que o seu Goberno demostrou durante toda a pandemia no campo sanitario ou educativo se instale tamén no ámbito da reactivación económica, porque está en xogo o futuro das galegos e galegos”, alegou Pontón na sesión de control, na Cámara.

“E para que haxa reactivación necesitaremos un investimento público potente e non podemos permitir que a Galiza saia discriminada ou reciba menos do que lle corresponde”.

Ante ese panorama, Pontón remarcou que a Galiza non pode carecer de "posición ante dous asuntos tan importantes, nun momento en que cada euro conta e nunha situación durísima con consecuencias moi graves no tecido empresarial, no emprego, nos salarios e en moitos sectores económicos do país”. 

A líder nacionalista foi tallante ao exclamar que "non se pode repetir que as contas do Estado" prexudiquen Galiza "porque xa tivemos abondo co recorte de 442 millóns de euros co que se despediu Raxoi e co recortazo de 750 millóns que nos preparaban o PSOE e Unidas Podemos", dixo en referencia ao proxecto de orzamentos do ano pasado que fracasou no Congreso. 

"E tampouco podemos permitir que no reparto de fondos europeos o centralismo madrileño leve a parte do león e á Galiza lle toquen tan só as migallas”, sentenciou Pontón.

Feixoo non se compromete

En resposta á líder da oposición, o presidente galego afirmou que el sempre está aberto a dialogar, mais puxo en dúbida que a vontade do BNG sexa a de chegar a acordos, escudándose no apoio da formación nacionalista ás mobilización do profesorado que esta cuarta feira tiveron lugar no país.

"Tenden unha man ao diálogo, mentres coa outra alentan folgas", aseverou Feixoo, para continuar reprochando ao Bloque que pida investigar a xestión da crise nas residencias de maiores mentres no Congreso "votan a favor do PSOE e Podemos dicindo que non se pode investigar o número de mortos. Iso é defender ao país?", preguntouse Feixoo.

"Aquí coñécense cantas persoas faleceron nas residencias, investíguese o que sexa", alegou o presidente, xusto un día despois de que o Partido Popular bloquease no Parlamento galego a proposta do BNG e do PSdeG para crear unha comisión de investigación na Cámara que estudase os erros e responsabilidades na crise que afecta os centros xeriátricos.

Para falar de recursos e de posturas de país en relación a conseguir financiamento, Feixoo argumentou que se vai pór en marcha na Cámara unha comisión de reactivación económica, social e cultural, que foi solicitada en primeiro lugar polo propio BNG.

Aliás, Feixoo advertiu que estaría "traizoado a maioría de votantes" se asumise, no marco da pandemia, "propostas anticuadas" do BNG como o impulso dunha banca pública, dunha tarifa eléctrica galega ou dun concerto económico.

O PSdeG insta a Xunta a "rectificar" no ensino

O voceiro parlamentar do Partido Socialista, Gonzalo Caballero, centrou a súa pregunta na sesión de control na volta ás aulas á vista da “falta de xestión” do Goberno galego. “Rectifique”, exixiu a Feixoo, porque “a falla de previsión e organización” da Xunta no inicio do curso “non ten parangón” no contexto estatal.

“Só é equiparábel a Madrid”, proseguiu Caballero, após sinalar que só un día despois de que Feixoo falase de “normalidade” no novo curso escolar (o 10 de setembro) houbo que aprazar as clases en Secundaria, Bacharelato e FP a esta mesma semana a raíz do “plante total” das equipas directivos dos centros.

Neste escenario, Gonzalo Caballero preguntou “que fixo a Xunta nos seis meses que tivo para organizar o curso” desde que se decretou o estado de alarma. “Non fixeron o seu traballo”, sentenciou. De feito, relatou como nese tempo o Goberno galego “desprezou o diálogo e o consenso” coa comunidade educativa e negouse a reforzar os cadros docentes.

Caballero finalizou a súa intervención urxindo a “apostar por unha educación pública e de calidade” para o alumnado galego.

Comentarios