Nuñez Feixoo, derrotado por Casado, aférrase agora ao PP galego

O tamén presidente da Xunta da Galiza sabe que foi descartado para liderar o partido a nivel español.
Alberto Núñez Feixoo dirixíndose aos membros da xunta directiva do PP da Galiza. (Foto: Europa Press) #partidopopular #pp #ppdeg #albertonúñezfeixoo #feijoo
photo_camera Alberto Núñez Feixoo dirixíndose aos membros da xunta directiva do PP da Galiza. (Foto: Europa Press)

Alberto Núñez Feixoo sábese desbotado para liderar a dereita no Estado. Mentres as sucesivas convocatorias electorais ían desgastando Pablo Casado e o presidente popular non era quen de impor a dirixentes afíns á fronte das diversas organizacións territoriais do partido, o mandatario galego non perdía a esperanza de saltar algún día a Madrid. Porén, os resultados electorais de Díaz Ayuso e as novas expectativas de voto para os populares recollidas nas diferentes sondaxes, como consecuencia do retorno do electorado de Ciudadanos á casa grande da dereita, blinda a candidatura de Casado e fecha á porta a Feixoo na política estatal. 

O congreso do Partido Popular da Galiza a decorrer en Pontevedra entre 16 e 17 de xullo cómpre analizalo nesa conxuntura política. Malia que o conclave se realiza con retraso respecto dos prazos previstos nos estatutos e a súa data atende ás regras internas da formación, a nova situación política obriga a Feixoo a redeseñar a súa folla de ruta.

A este respecto, as fontes populares consultadas por Nós Diario dan por feito que Feixoo vai esgotar a lexislatura e mesmo consideran probábel que en función das posibilidades de éxito tente recuncar como candidato á presidencia da Xunta. Sexa como for, o mandatario galego non está disposto a dar sinais sobre o seu futuro e ten claro reter todo o poder sobre o partido. 

A continuidade manda no congreso do PP

A continuidade está chamada a presidir o próximo plenario dos populares. Neste sentido, diversos dirixentes da formación en declaracións a Nós Diario dan por feito a ausencia cambios na estrutura de dirección do partido e amósanse convencidos de que Feixoo non vai introducir mudanzas nos postos chave. Na mesma liña, lembran que os congresos galegos non teñen tido tradicionalmente grande importancia para o devir da organización e menos nun momento que calquera movemento interno vai ser interpretado en chave sucesoria. 

Os vindeiros comicios locais pairan sobre o congreso dos populares. A este respecto, non é casual a localidade escollida para a súa celebración, Pontevedra, unha cidade onde os populares están apostando moi forte, e tampouco a composición da comisión organizadora e redactora das teses. A primeira está presidida pola edil pontevedresa, Pepa Pardo, e da mesma fan parte unha nutrida nómina de concelleiros, algúns dos cales probábeis candidatos á alcaldes e alcaldesas nos próximos comicios. Neste situación, atópanse a concelleira ferrolá, Martina Aneiros, un nome que soa para substituír José Manuel Rey Varela, ou o edil lugués, Antonio Ameijide, aspirante a relevar a un Ramón Carballo en retirada.

As cidades son a gran materia pendente dos populares galegos. Actualmente permanecen fóra do Goberno de todas elas, se ben apoian Gonzalo Pérez Jácome e non descartan retornar ao Executivo, porén agardan mellorar os resultados na vindeira cita e vense con posibilidades de recuperar Ourense, Ferrol e Pontevedra, no caso de que o actual rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores, non se presente.

Ao tempo, observan con preocupación a configuración do poder provincial, coa Coruña, Lugo e Pontevedra en mans dun Gabinete de coalición entre nacionalistas e socialistas, e non descartan que a situación poida repetirse na vindeira lexislatura en Ourense, onde arestora reteñen a institución como resultado dun acordo co grupo de Pérez Jácome.

Comentarios