Núñez Feixoo sobre Beatriz Mato e Greenalia: "Eu respondo da miña conduta"

A participación de Beatriz Mato como conselleira de Medio Ambiente no procedemento de autorización de catro parques eólicos á empresa de cuxo consello actualmente fai parte, Greenalia, non debe de ser prato de bo gosto para o Goberno galego. Requirido por Nós Diario para que dese a súa opinión ao respecto, o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, contestou: "Eu podo responder da miña conduta persoal". 
Alberto Núñez Feixoo comparecendo ao remate do Consello da Xunta. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo comparecendo ao remate do Consello da Xunta. (Foto: Xunta da Galiza)

Ourol, Miñón, Monte Dourado e Alto da Croa II. Estes son os catros parques eólicos de Greenalia na Galiza en cuxo procedemento de autorización participou Beatriz Mato como conselleira de Medio Ambiente. Mato é a día de hoxe membro do consello de administración da compañía enerxética con sede na Coruña.

A preguntas de Nós Diario, Núñez Feixoo afirmou que todos os ex altos cargos da Xunta teñen un réxime de incompatibilidades, que regula supostos, requisitos e prazos para o desenvolvemento da actividade profesional após o paso polo Goberno galego. "Despois de ser conselleira de Medio Ambiente", indicou Núñez Feixoo, "supoño que haberá os prazos para poder exercer nesa compañía", en referencia á enerxética. Apuntou, ademais, que o cargo da súa ex conselleira en Greenalia é membro do consello de administración, "non un posto executivo".

"Cada quen fai o que considera"

Chegados a este punto, o presidente galego engadiu: "cada quen fai o que considera" e, a seguir, un "eu podo responder da miña conduta persoal, o resto...o que hai é que cumprir" co réxime de incompatibilidades. Frase que fica lonxe de ser un apoio explícito á que foi a súa conselleira.

A relación entre Beatriz Mato e Greenalia xerou a crítica e o rexeitamento de organizacións ambientalistas e tamén de forzas da oposición, como o BNG, que rexistrou un paquete de iniciativas no Parlamento para aclarar as relacións de Mato durante a súa etapa de conselleira coa eléctrica.

Fondos europeos

Respecto a que a Xunta estea a piques de devolver 70 millóns de euros ao Estado destinados a pemes e autónomos por non executalos, o presidente galego achacou aos criterios e requisitos que pon o Goberno español esta situación. "Dos nosos fondos [a esa finalidade] executamos 100%", dixo e afirmou que Galiza é o terceiro territorio do Estado que máis cumpre neste punto. "Semella que o Goberno español o que procura é que non se executen todos os fondos", lamentou. Na súa comparecencia após o Consello da Xunta anunciou a nova estratexia de FP que investirá 900 millóns de euros até 2024 "para consolidar a rede de centros de excelencia e fortalecer a formación adaptada ás persoas e ao tecido produtivo".

Casas niño

Tamén anunciou que o Goberno aprobou unha nova convocatoria de casas niño para superar os 100 centros repartidos polos concellos rurais da Galiza. “Financiamos 60 novas prazas que dá lugar a 12 novas casas niño”, salientou. Finalmente, informou que os obradoiros duais de emprego contarán este ano cun orzamento superior aos 42 millóns de euros e que ampliarán a duración de 9 a 12 meses.

Comentarios