Núñez Feixoo apunta agora aos distritos sanitarios para a desescalada

O xefe do Executivo explicou que 6.000 galegos e galegas participarán á vez nos estudos epidemiolóxicos da Xunta e do Estado para "confrontar" a fiabilidade dos test empregados pola Administración galega.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, durante a videoconferencia dos presidentes autonómicos co presidente español, Pedro Sánchez (Imaxe: Xunta da Galiza).
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, durante a videoconferencia dos presidentes autonómicos co presidente español, Pedro Sánchez (Imaxe: Xunta da Galiza).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, sumouse este sábado ás voces contrarias ao mantemento do estado de alarma para efectuar o desconfinamento. Así o trasladou ao xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, na videoconferencia semanal que este mantén cos presidentes autonómicos.

Na conferencia de prensa posterior, o dirixente popular criticou o “uso desproporcionado” desta figura e avogou por outras do ámbito xurídico como a Lei Orgánica de Saúde Pública que conxuguen criterios sanitarios e os “dereitos e liberdades fundamentais”. A súa fin é necesaria para a celebración dos comicios galegos, tal e como se dispuxo após a suspensión da cita coas urnas o pasado 5 de abril.

Porén, ante a previsíbel prórroga do estado de alarma, posto que o propio Pedro Sánchez descartou un “plan B”, demandou que sexa adaptábel as diferentes realidades territoriais.

Máis protocolos e máis detallados foi a principal exixencia de Núñez Feixoo respecto á distribución do fondo extra de 16.000 millóns que o Estado achegará as autonomías ou da próxima apertura de comercios e outros estabelecementos.

O xefe do Executivo galego apoiou que debe ser o Goberno español o que xestione a desescalada e agradeceu a proposta do seu presidente, Pedro Sánchez, dunha cogobernanza coas Comunidades Autónomas. Porén, advertiu que nese camiño deberá comunicar previamente aos Gobernos autonómicos os plans e medidas a levar a cabo.

Distritos sanitarios

Nesa liña, Núñez Feixoo suxeriu a posibilidade de que aqueles que durante 14 días cumprisen cos parámetros sanitarios pasasen directamente á fase 3 da desescalada. E puxo o exemplo dos “máis de 140 concellos galegos” que non rexistraron contaxios da COVID-19 nas últimas xornadas. Uns municipios que a Xunta da Galiza nunca concretou.

A maiores, abriu a porta a que as áreas de referencia na desescalada na Galiza sexan os distritos sanitarios e non as áreas. Puxo o exemplo dos área sanitaria de Lugo, subdividida en tres distritos: A Mariña, Monforte e o propio Lugo.

Foi a Lei de Saúde Pública da Galiza aprobada polo Partido Popular en 2018 a que reduciu as áreas sanitarias de 11 a 7, nas que se incluíron as da Mariña e Monforte. Agora, Núñez Feixoo  quere empregar esas delimitacións para artellar o desconfinamento.

O xefe do Executivo galego comunicou que demandara a Pedro Sánchez diferenciar os ámbitos rural e urbano na apertura da mobilidade social. Ademais, reclamou concretar se as habitantes de núcleos urbanos de menos de 5.000 habitantes poden saír sen limitacións horarias aínda que o municipio supere esa poboación, caso da veciña Asturias, ou se se mantén esa restrición.

Estudo epidemiolóxico

Cuestionado polos medios de comunicación respecto ás mudanzas nos datos partillados pola Dirección Xeral de Saúde Pública, que impiden realizar unha comparativa da evolución da enfermidade, Núñez Feixoo limitouse a responder que foron realizadas seguindo os criterios do Goberno estatal.

A maiores, explicou que o estudo epidemiolóxico da Xunta emprega ás 6.000 galegas e galegos do estudo estatal para confrontar a fiabilidade dos tests masivos empregados pola Administración galega. Núñez Feixoo fixo referencia a que esas 6.000 participantes se lles realiza unha extracción sanguínea, como contempla o protocolo estatal, e sométeselles a maiores ao test anticorpos do estudo da Xunta. En total, engadiu, xa se realizaron máis de 35.000 na primeira quenda de probas.

Así mesmo, explicou ás xornalistas que abriu a porta a estender o seu mandato máis alá de 2020 debido a posibilidade dun rebrote en outono ou no inverno. “Ou procuramos fórmulas menos incertas ou estamos nun abismo legal e de lexislatura que debemos prever e desentrañar”, defendeu.

Comentarios