Núñez Feixoo insta os votantes de Vox a volver ao 'redil' do PP

O presidente da Xunta e do PP achaca a importante queda do Partido Popular na Galiza, 13 puntos, á “división do voto da dereita” e pide que iso non “volva pasar” nas municipais. “Cos votos de Vox na Galiza gañariamos ao PSOE”. Feixoo manda tamén unha mensaxe a navegantes: "En Galiza votouse 11 puntos máis ao PP". 

tellado feixoo
photo_camera Miguel Tellado e Núñez Feixoo na valoración dos resultados.

Núñez Feixoo compareceu pasada a media noite, pouco despois de que o fixese Pablo Casado e cando os resultados electorais deste domingo xa non tiñan volta de folla: o PP perdía a súa hexemonía na Galiza e caía 13 puntos en comparación coas xerais de 2016: de 41% a 27%. O presidente do PP tiña moi claro a quen quería mandar a súa mensaxe esta noite. De feito, case repetiu máis veces o nome de Vox que o do PP.

Feixoo, que estivo presente con Vox na manifestación da madrileña Praza de Colón, dixo que “a maioría dos votantes de Vox arrepíntense hoxe de votar Vox”, pois iso permitiu, afirma, que o PSOE gañase as eleccións. “É evidente que a división do voto de dereita penalizou o PP”, manifestou e lanzou unha petición: “Que isto non volva pasar nas municipais”. De feito, advertiu, “mañá empeza outra competición”, que é moi “importante para España” como son as municipais e europeas.

Mais tamén quixo mandar mensaxes para a súa casa, o Partido Popular. Chamou a que o PP volva ser “o punto de encontro” da dereita española e que ese voto non se disperse en Ciudadanos e Vox. Quixo tamén camuflar a importante caída do PP galego, 13 puntos, afirmando que na Galiza o Partido Popular tivo unha porcentaxe 11 puntos mellor que a media española. Puxo o PPdeG como exemplo de partido que sabe garantir a "estabilidade". Non poucos apuntan que o presidente galego está a se posicionar para substituír Casado.

Comentarios