A secretaria do PSdeG na Coruña nega as acusacións

A "nula dedicación" levou Rey a destituír unha concelleira

A alcaldesa da Coruña insistiu en explicar que “aquí hai que traballar e dar o cento por cento da nosa capacidade para mellorar a vida dos coruñeses”.
evamartinezacon
photo_camera A edil destituída no goberno municipal da Coruña. (Foto: Nós Diario)

“A dedicación ás tarefas de goberno non é negociábel” foron as palabras da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, logo de destituír como edila de Innovación, Consumo e Emprego a secretaria local do Partido Socialista (PSdeG), Eva Martínez Acón. 

Segundo o Goberno municipal, esta destitución respondeu á “nula” dedicación da edila ás tarefas de Goberno; mentres Martínez Acón sostiña, nunha carta dirixida á militancia, que a decisión era consecuencia da súa reclamación sobre “as achegas que o Grupo Municipal Socialista e algúns concelleiros adebedan ao partido”.

O Goberno local critica que a Concellaría de Acón tiña, nesta altura do ano, “unha execución orzamentaria de 16% que fai insostíbel” que manteña responsabilidades de Goberno “cunha dedicación exclusiva de 59.400 euros”.

Nesta dirección, Eva Martínez Acón sinala que unha concelleira con dedicación exclusiva de 59.582,74 euros ao ano pode "contribuír facilmente con 243 euros" ao mes e non só con 100 euros”, como estabelece a táboa provincial, para soster o partido.

Ante as acusacións de “falta de lealdade” e de ter “unha actitude obstrucionista” co Goberno local, Martínez Acón mantén que os motivos da súa destitución están na carta que dirixiu ás persoas afiliadas.

A ex edila explica que a formación política está a vivir “unha situación económica crítica” na cidade a pesar de terlle notificado á alcaldesa que detectara achegas por debaixo das decididas polo Comité Federal. “Ninguén está por enriba do partido”, recalcou Acón.

Esta decisión de Inés Rey prodúcese nun contexto de diferenzas entre partidarios do secretario xeral, Gonzalo Caballero, e da dirección provincial do PSdeG, cuxo responsábel de Organización, José Manuel Lage, é membro do Goberno local.

Mentres Acón é próxima a Caballero, Inés Rey éo a Lage e as discrepancias xa se fixeron notar ao configurar a lista coa que o PSdeG concorreu aos comicios locais, cando Rey se amosou reticente á entrada de Martínez Acón á mesma.

Comentarios