Bará anuncia un novo impulso para a "axenda galega"

Luís Bará anunciou esta segunda feira que á volta das ferias o BNG vai relanzar a "axenda galega" en materia de transferencias, infraestruturas, enerxía, financiamento e memoria histórica. Un activismo que o parlamentar contrasta coa "parálise" da política do estado, da que responsabiliza a PP, PSOE e Podemos. Un impasse que estaría a prexudicar os intereses galegos, denuncia.
Luís Bará
photo_camera Luís Bará

Bará enviou un recado a Feixoo, de quen criticou a que xulgou como posición "chorimiqueira e pusilánime" por reclamar agora débedas ao Goberno Sánchez cando durante a longa etapa de Mariano Raxoi o executivo galego se limitaba a pór "a outra meixela", sen reclamar nin un financiamento xusto nin os investimentos precisos para o país.

O problema de fondo é, considerou, a invisibilidade do país no estado, condenado ao abandono polos partidos estatais e polas súas sucursais. E aí non establece Luís Bará distincións entre a dereita —o PP— e as forzas ditas progresistas —PSOE e Podemos. Nese sentido, o parlamentar do Bloque pide a conservadores e socialistas que planten cara ao goberno do Estado  "e deixen de intercambiar os papeis", de defensores ou críticos da Moncloa segundo estean no goberno ou na oposición.

Neste contexto, o BNG prepara un reforzo da súa Axenda Galega no comezo do novo curso político. Un listado de demandas que inclúen unha compensación de por volta de 2.500 millóns de euros polo "apagón investidor" do Estado na Galiza durante os últimos exercicios, unha tarifa eléctrica galega, o estabelecimento doutros prezos para a industria electrointensiva, ben como as transferencias de competencias pendentes (reclamadas co aval do Parlamento galego), a anulación da prórroga de ENCE e a devolución de todos os bens roubados pola familia Franco. Alén do marco estritamente galego, as nacionalistas piden a derrogación da lei mordaza e da reforma laboral.

Canto á hipótese de se introducir portaxes nas autovías até agora libres delas, Bará enfatizou a "rotunda oposición" do BNG e atribuíu o movimento de Fomento ao intento de tapar o "buraco" producido no erario público polo resgate das "ruinosas radiais madrileñas". É unha "chantaxe" que se vén sumar á "estafa" que se estaría a perpetrar coas peaxes da AP9.

No novo período de sesións, o BNG, anunciouno Bará, rexistará iniciativas contra a imposición de portaxes nas autovías e a a prol da transferencia da AP9 a Galiza, demanda teoricamente soportada por todas as forzas políticas galegas e que non se concreta pola "parálise" en que está sumida a política no estado, sen investidura á vista case tres meses despois de se realizaren ás eleccións xerais.

Os responsábeis do bloqueo son, a ollos de Bará, as forzas políticas estatais por converteren a política "nun taboleiro de xogo" dos seus intereses electoralistas.

Comentarios