mércores 21/10/20
Crise de Goberno

O novo edil de Ourense responsabilízase de dez competencias municipais

O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, está convencido de que o traballo dos seus dous compañeiros e o seu propio van ser suficientes para levar a xestión da terceira cidade da Galiza. “Estou convencido de que se vai a facer ben con tres persoas o que antes se facía con máis, imos desatascalo", recalca. No entanto, a nova fichaxe renunciou a integrarse en Democracia Ourensá.
EuropaPress_3306975_alcalde_ourense_gonzalo_perez_jacome
O rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O novo concelleiro de Ourense, Telmo Ucha, que se incorporou no lugar de Mario González -quen renunciou antes de que se abrise ao completo a fractura entre o alcalde Gonzalo Pérez Jácome e outros catro edís-, vén de renunciar a adscribirse ao grupo de Democracia Ourensá (DO) para evitar “guerras persoais”.

Ucha, que xa reiterou o seu apoio ao rexedor hai uns días, aparecerá como non adscrito a ningún grupo político pero terá máis cargas das que acostuma a xestionar un edil medio. Nun Executivo local no que, segundo Pérez Jácome, “menos é máis” ocuparase dunha decena de competencias.

“Non vou formar parte desas guerras persoais, seguirei apoiando ao alcalde desde a xunta de goberno e aceptando as concellarías, pero sen adscribirme a DO”, comentou hoxe Ucha en declaracións a Europa Press.

No entanto, esta mañá no reparto das doce concellarías que existían en Ourense (agora reformuladas en catro por falta de persoas que as asuman), Ucha aceptou levar até dez áreas.

Segundo esta primeira partición, que podería estar suxeita a cambios segundo vaia evolucionando o Goberno local de tres persoas en minoría, terá nas súas as decisións de Política Social, Seguridade Cidadá, Comercio, Igualdade e Saúde, Participación Cidadá, Mocidade, Turismo e Termalismo, Servizos Xerais, Transparencia e Sistemas de Información, Mobilidade e Transporte.

O recén nomeado tenente de alcalde, Armando Ojea, será o responsábel de Recursos Humanos, Facenda e Contratación, Educación, Promoción Económica, Recursos Europeos e Formación Ocupacional.

Por último, o alcalde seguirá no posto -cando menos até que PP e PSOE decidan se van facer unha moción de censura após ver que a petición para que dimita non tivo efecto- e quedará cos departamentos de Infraestruturas, Medio Ambiente e Perímetro Rural, Urbanismo, Vivenda e Patrimonio, Cultura, Deportes e Cooperación Institucional.

Malia o feito de que a ruptura do pacto de goberno por parte do PP e a separación dos outros edís de Democracia Ourensá complican a xestión da terceira cidade da Galiza en poboación, Pérez Jácome afirmou que este executivo a tres bandas “é suficiente” e “vai funcionar moi ben”.

“A maquinaria do Concello lévaa o corpo de funcionarios", dixo, asegurando que os políticos só teñen que "tomar decisións e supervisar".

“Estou convencido de que se vai a facer ben con tres persoas o que antes se facía con máis, imos desatascalo (o Consistorio) e a facer bo o refrán que di que menos é máis”, subliñou.


 

comentarios