Novas tecnoloxías, as “perfectas aliadas” para controlar e acosar as mulleres

A deputada Carme Adán alertou das novas formas de violencia que aniñan en parte da mocidade durante a defensa dunha Proposición non de lei con 10 medidas concretas para a prevención e tratamento da violencia de xénero.

A deputada do  BNG, Carme Adán defendeu no Parlamento a táboa reivindicativa rexistrada no Parlamento por “Mulleres en loita” con 10 medidas que considera que son “asumíbeis” polo Goberno galego contra a violencia machista. A parlamentar asegurou que despois de sete anos da aprobación da leis estatal e galega resulta necesario “analizar” que está sucedendo co seu cumprimento porque todos os datos, dixo, indican que a violencia contra as mulleres medra sen que as institucións tomen medidas suficientes.

Para mudar a situación explicou que é preciso aplicar medidas efectivas, citando algunhas como a coeducación en todos os centros e niveis de ensino con programas específicos para o profesorado e obradoiros nas etapas da adolescencia con proxectos formativos baixo “ perspectiva de xénero”. Ou garantir a prestación económica “durante todo o ano” para mulleres vítimas de violencia coas cantidades necesarias que posibiliten a súa independencia real co pagamento nun prazo de 30 días das axudas tras a súa solicitude.

Tamén incidiu Carme Adán en “dotar de xulgados especializados en violencia de xénero as cidades galegas” ou incluír os menores e persoas á cargo das vítimas de violencia machista como beneficiarias das axudas existentes.

Novas tecnoloxías

A deputada nacionalista alertou das novas formas de control das mulleres polas súas parellas sinalando que as novas tecnoloxías como: teléfonos móbiles, tablets e internet son utilizadas para “acosar, extorsionar e controlar”. Estas novas formas de violencia, recalcou, son preocupantes sobre todo entre a mocidade, polo que advertiu que “hai que estar moi atentas”  e non tolerar  comportamentos que, ao seu xuízo,  non son máis que indicios da  “falta de liberdade e control” que as parellas queren exercer sobre as mulleres.

Comentarios