DESBOTADA A GRANDE COLIGAZóN, A ALTERNATIVA SERíA UN DIFíCIL ACORDO PSOE, PODEMOS, IU E PNV

Novas eleccións en 3 meses, a hipótese máis probábel

Fontes do PP e do PSOE consultadas por Sermos dan por feita a disolución da Cámara e a convocatoria de novas eleccións no prazo de 3 meses ante a imposibilidade de investidura de ningún candidato. Pablo Iglesias afirma que "se chegamos aí" [a unha repetición das eleicións] "asumirémolo encantados".

capa_eleccions

Un taboleiro político bloqueado, un Parlamento colgado, como se diría na tradición británica (Hung Parliament). Iso é o que deixa o 20D. A dereita non ten maioría posíbel para investir Rajoy. Son insuficientes os 163 votos que poderían reunir PP (123) e Ciudadanos (40). Non lle chegaría tampouco co apoio que eventualmente lle pudese emprestar Coalición Canaria (1) nen sequer co soporte que, de xeito moi improbábel, puidese receber do PNV (6). Na banda de máximos, un candidato do PP -Rajoy ou calquer outro- acadaría 170 votos. Tería seguro en contra 180.

A outra hipótese posíbel sería a investidura de Pedro Sánchez (PSOE, 90 escanos) co eventual apoio de Podemos (69 escanos, 42 propios e 27 dos aliados, usando a terminoloxía de Pablo Iglesias), IU (2) e do PNV (6). O resultado da adición sería 167 votos. Bastaría para investir Pedro Sánchez, coa abstención das formacións independentistas (ERC, 9 escanos; Democràcia i Llibertat, 8 asentos; EH Bildu, 2). Tería 167 votos a favor e 164 en contra.

Terceira hipótese: o PSOE permite directa ou indirectamente a formación dun goberno do PP, votando a investidura ou absténdose, como lle demandou a mañá desta segunda feira Albert Rivera. Probabilidade que só podería vir a materializarse se Pedro Sánchez e a súa equipa fose descabalgado da lideranza do partido. Pouco verosímil.

Pablo Iglesias: "Se temos que voltar a votar, Podemos sería optimista. Non é o que toca agora, pero, se chegamos aí, asumirémolo encantados"

Entón? As fontes do PP e do PSOE consultadas por Sermos e as proprias declaracións realizadas esta segunda feira en conferencia de imprensa por Pablo Iglesias apontan a que o cenario máis probábel é que ningún candidato poda obter a investidura.

Desbotado Rajoy polo que xa explicamos, analisemos agora por que Pedro Sánchez non parece en disposición de obter a maioría suficiente. Primeiro, porque carece do apoio de todo o seu partido (lembremos que en plena campaña Felipe González, o líder histórico, se pronunciou a prol dun entendimento co Partido Popular). Internamente débil, baixo a sombra toda a campaña de Susana Díaz, non estaría en condicións de ir a unha negociación con capacidade de facer cesións reais a Podemos. E segundo porque a posición da formación morada condiciona calquer acordo co PSOE a que este asuma a súa axenda de reforma constitucional, incluíndo o referendo vinculante para Catalunya.

As fontes do PSOE consultadas por Sermos afirman que "o Partido Socialista se suicidaría se asume o programa de Podemos. Non é presentábel que a terceira forza política lle impoña o seu programa á segunda".

Internamente débil, baixo a sombra toda a campaña de Susana Díaz, Pedro Sánchez non estaría en condicións de ir a unha negociación con capacidade de facer cesións reais a Podemos

Perguntado en rolda de imprensa pola hipótese de que se vaia a unha repetición das eleccións, Pablo Iglesias afirmou visibelmente compracido pola cuestión: "Se temos que voltar a votar, Podemos sería optimista. Non é o que toca agora, pero, se chegamos aí, asumirémolo encantados".

Iglesias liga calquera hipótese de acordo co Partido Socialista a que este asuma que estamos perante o frontispicio dunha Nova Transición que debe envolver a reforma da Constitución española. Niso centra o seu discurso, non tanto na investidura, e anuncia a ese respeito conversas con todas as forzas políticas con representación no Congreso. Ten todo o aspecto de ser unha xogada de xadrez político porque Iglesias sabe perfeitamente que a reforma constitucional non é viábel coa actual correlación de forzas, ao ter ultrapasado o PP a minoría de bloqueo (cifrada en 117 escanos, conseguiu 123) que lle permitiría vetar calquer reforma.

Así as cousas, a pelota pasa ao tellado do PSOE. Sánchez tratará de criar as condicións para ir a un goberno á portuguesa, como o que lidera António Costa co apoio do PCP e o Bloco de Esquerda.

13 de xaneiro comeza o proceso

O proceso para a investidura ten un data riscada en vermello, o 13 de xaneiro, día en que se constitúen as cámaras. A partir de aí, o chefe do Estado, Filipe VI, propón un candidato á presidencia do goberno, verosimilmente Rajoy. Este vaise submeter ao escrutinio e votación do Parlamento. Para gañar a investidura, debe alzarse coa maioría absoluta (176) en primeira votación e coa simples (máis votos afirmativos do que negativos) na segunda. Non está en condicións hoxe por hoxe de conseguir nen unha cousa nen a outra.

O que prevé a Constitución (artigo 99) e prescribe o regulamento do Congreso é que despois dunha primeira votación falida se abra un período de dous meses para intentar materializar a investidura dunha nova ou dun novo candidato. Caso de non se conseguir esta, disólvense as cámaras e se convocan novas eleccións.

Comentarios