Catro horas de xuntanza entre as delegacións de PSOE e Unidas Podemos e que finalizaron sen acordo, coa sensación de desencontro é cada vez maior e que unhas eleccións anticipadas están cada vez máis perto de ser unha realidade.
“Non hai vía para atinxir un acordo”, manifestou Adriana Lastra, vicesecretaria xeral do PSOE e portavoz das e dos socialistas no Congreso. O PSOE trasladou a Unidas Podemos que non habería novas xuntanzas se non desbotaban a súa aposta por un goberno de coalición. Só están dispostos a falar de programa.
Pablo Echenique, pola delegación de UP; advertiu que esa postura “é un erro” que “leva definitivamente a eleccións anticipadas”. Lastra, porén, non quixo fechar a porta a continuar negociando (“non damos a batalla por perdida”) embora as posibilidades dun acordo sexan cada vez máis febles. “Hoxe por hoxe non vemos unha saída á situación”, dixo, deitando sobre UP toda a responsabilidade: “Unidas Podemos negouse a acadar un acordo programático, que reflexionen”.
Unidas Podemos e PSOE volveron sentar esta terza feira cinco días despois da anterior xuntanza sobre a investidura, que tamén acabara sen acordo. O prazo legal para a disolución automática das Cortes e a convocatoria de novas eleccións finaliza o 23 de setembro.
“O PSOE non se move da súa fórmula dun goberno de partido único”, lamentou Echenique, que cualificou as exixencias das socialistas de “erro”.
A desconfianza entre ambas as dúas formacións é alta e non semella que estea camiño de reconducirse, ao igual que a desavinza sobre os mínimos para un acordo. Coa conta atrás en marcha desde hai tempo, o horizonte dunhas eleccións xerais nos vindeiros meses toma forma.