Xustiza

Unha nova sentenza pon o foco na lexitimidade do Concello de Compostela para defender o dereito á vivenda

Segundo a doutrina do Tribunal Supremo, a intervención da normativa urbanística municipal nestes casos está lexitimada como canle para garantir a protección do dereito á vivenda digna e adecuada.
A portavoz do Goberno de Compostela, Míriam Louzao (Foto: Concello de Compostela).
photo_camera A portavoz do Goberno de Compostela, Míriam Louzao. (Foto: Concello de Compostela).

A concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica e voceira do Goberno de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, deu conta esta segunda feira dunha nova sentenza que vén confirmar as decisións políticas en materia de vivenda. Desta volta, a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirma unha anterior do xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Santiago, que xa en primeira instancia daba a razón ao Concello, que conta xa con oito sentenzas favorábeis firmes e dúas sentenzas favorábeis pendentes de firmeza.

Unha das cuestións máis novidosas para o Concello é a incorporación de dous aspectos a esta sentenza, na que declara conforme a dereito a declaración de ineficacia da comunicación previa dunha vivenda de uso turístico, sen que sexa necesario tramitar un expediente de reposición da legalidade urbanística. Como explicou en rolda de prensa Louzao, isto significa que bastaría coa declaración de ineficacia da comunicación previa para o cese da actividade.

Asemade, outra das cuestións que trae a colación esta sentenza é a lexitimación do Goberno local para a defensa do dereito á vivenda. Así, segundo a doutrina do Tribunal Supremo, a intervención da normativa urbanística municipal nestes casos está lexitimada como canle para garantir a protección do dereito á vivenda digna e adecuada sen contravir a Directiva de Servizos, pois existen razóns de interese xeral que así o xustifican.

Durante a súa intervención, a voceira do Goberno que dirixe Goretti Sanmartín tamén lembrou outras das cuestións nas que pon o foco a sentenza e que tamén confirman a actuación do Concello e a inclusión na ordenanza municipal, que se está tramitando e que se levou a pleno o 24 de xuño, do requisito de que as comunidades veciñais non teñan incluído nos seus estatutos o veto a pisos de uso turístico.

Deste modo, Míriam Louzao destacou que a sentenza xudicial pon o foco en que non debe esquecerse que o uso de inmóbeis nunha comunidade como VUT supón, en moitos casos, a existencia de molestias veciñais no ámbito en que a comunidade de propietarios e propietarias en que o Concello non pode ser alleo ao amparo dunha autorización autonómica.

A sentenza xudicial tamén incide na idea de que non debe confundirse a declaración responsábel autonómica para o exercicio dunha actividade de piso turístico coas autorizacións ou permisos municipais, que son independentes e que pertencen ao ámbito competencial urbanístico, propio das Administracións locais.

Taxa turística

En resposta a preguntas formuladas por xornalistas, Míriam Louzao reiterou a disposición ao diálogo do Goberno local coa Xunta e lembrou que desde o inicio se lle ofreceu presentar o informe e a proposta lexislativa de forma directa ao Goberno galego.

De feito, indicou que ela mesma tiña confirmada unha reunión co director xeral de Turismo, Xosé Merelles, que se suspendeu e pola que agarda unha nova convocatoria, e incidiu en que se tiveran respondido que precisaban "un par de días máis", o Goberno local non tería problema en agardar.

Ademais, preguntada por esta cuestión, instou a ler o documento na súa totalidade, porque no informe está plenamente xustificada a implantación dunha taxa para Santiago de Compostela pola presión turística que soporta a capital galega, a máis alta de todo o Estado español.

Neste sentido, Louzao insistiu en que o Goberno local non parte con liñas "vermellas" no diálogo. Asemade, dixo non entender a afirmación sobre o destino do recadado, toda vez que precisamente o proxecto presentado recolle a gobernanza compartida.

Comentarios