Nova petición no Congreso de tests masivos da Covid nas granxas de visóns

O BNG volveuno solicitar polo elevado risco sanitario e de dispersión da infección que teñen.

EuropaPress_3416720_visones_jaulas_son_criados
photo_camera Visóns nunha das xaulas en que son criados (Europa Press)

O BNG instou de novo no Congreso a que se realicen probas masivas en granxas e poboacións de visóns, da mesma maneira que xa realizaron outros países europeos, tras a constatación da zoonose transmitida por visóns a traballadores e veciñanza das granxas.

"Esta pandemia evidenciou a tremendamente dispar actuación dos Gobernos" manifestou o deputado nacionalista, Néstor Rego. Así comparou a situación que se dá no Estado en comparación con outros como o búlgaro, o polaco ou o francés, que asegurou que realizan probas masivas nas granxas e nas poboacións próximas, mentres que aquí "só se limita á realización de tests se existen sospeitas de síntomas, algo perigoso se se ten en conta que os mustélidos, da mesma maneira que os seres humanos, poden ser asintomáticos".

Segundo salientan desde o BNG, o visón americano foi sinalado por organizacións e especialistas en ecoloxía e conservación en múltiples ocasións polo seu impacto ambiental e o seu efecto nocivo sobre a biodiversidade, desprazando ou devorando a especies autóctonas unha vez que fuxiu das granxas peleteiras.

Neste sentido, a formación nacionalista solicitou saber "cantos fondos públicos estatais e europeos foron empregados na captura e/ou sacrificio de visóns americanos fuxidos ou xa estabelecidos no período 2009-2019 na Galiza".

"O seu impacto, neste novo contexto transcende do ambiental para converterse nun vector de transmisión da Covid-19, constituíndo un risco engadido para as poboacións periféricas e para a loita contra esta pandemia" sinalou Rego.

Mudar de industria

O BNG considera necesario "aproveitar esta oportunidade con intelixencia, visión de futuro e pensamento ecolóxico", e mudar cara a un novo tipo de emprendemento "que non se basee nos malos tratos animais". Para isto, apuntan, cómpre que se especifiquen "cláusulas de axuda tras o fechamento, a condición de que o novo emprendemento sexa amábel cos animais e tendente á transición ecolóxica".

"Debe lembrarse que en Galiza se localiza a inmensa maioría das granxas peleteiras, ámbito no que Ministerio de Agricultura e a Xunta difiren sobre o número de probas de Covid-19 realizadas nestas instalacións, un exemplo da falta de interese por controlar posíbeis brotes en animais e traballadores", salientou o deputado.

Comentarios