Nova imputación no PP: o alcalde de Vilasantar por un presunto delito de prevaricación

O aparellador municipal, familiar do alcalde do PP, cobrou de forma habitual unha porcentaxe sobre o total do importe das obras en concepto de honorarios
Fernando Pérez Fernández Alcalde de Vilasantar
photo_camera Fernando Pérez Fernández Alcalde de Vilasantar


O Partido Popular suma un novo cargo público á súa longa de imputacións. Desta vez, o imputado é o alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez Fernández, por un suposto delito de prevaricación. O Xulgado nº 2 de Betanzos vén de citalo a declarar o próximo 5 de abril en concepto de imputado pola querela criminal interposta no seu día polo Grupo Municipal do BNG de Vilasantar e que agora acaba de ser admitida a trámite.

Esta nova imputación nas filas de cargos públicos do PP ten a súa orixe o 24 de febreiro de 2010. Foi entón cando a nacionalista Manuela García Freire, daquela alcaldesa de Vilasantar e actual portavoz do BNG no Concello, tivo coñecemento do pago dunha suma de diñeiro que o aparellador municipal lle solicitou a unha empresa en concepto de honorarios por dirección de obra, un importe equivalente ao 4% do orzamento da obra. Segundo a nacionalista, “ese mesmo día, nun acto de máxima rapidez, soliciteille, como alcaldesa, á Secretaría e á Intervención do Concello un informe sobre a legalidade dese comportamento e as eventuais  consecuencias derivadas”.

O aparellador municipal, tío do alcalde do PP, cobrou de forma habitual unha porcentaxe sobre o total do importe das obras

Unha vez elaborado o preceptivo informe xurídico, García Freire, como alcaldesa, ditou unha resolución para que se levasen a cabo as dilixencias informativas sobre a denuncia verbal contra o traballador municipal. “Unha vez realizadas as dilixencias, o secretario do Concello ditou en decembro de 2010 unha proposta de resolución onde consta que o técnico deste concello percibiu de forma habitual unha porcentaxe sobre o total do importe das obras en concepto de honorarios por dirección de obra, sen que constase ningún acto ou acordo que autorizase esta actuación, que podería encadrarse inicialmente como unha falta moi grave”, advirte.

A tramitación do expediente foi interrompido polo cambio de goberno no Concello, xusto no momento en que só restaba a resolución definitiva, tivo lugar o cambio de goberno no Concello. García Freire sinala que “o alcalde do Partido Popular, aínda sendo coñecedor da existencia do expediente incoado xa antes de gañar as eleccións, provocou a  caducidade do expediente e negouse a informar o Pleno, en reiteradas ocasións, sobre a situación deste caso”.

O Goberno municipal do PP declarou a nulidade do expediente que lle afecta ao tío do alcalde e renunciou a reiniciar o procedemento

Manuela García Freire pon de manifesto que “rematado o prazo de seis meses que se fixou na norma, o traballador afectado, tío do actual alcalde, pediu expresamente por escrito que se declarase a nulidade do expediente e, finalmente, a petición levouse a cabo mediante un decreto asinado polo tenente de alcalde, que non adoptou ningunha iniciativa para reiniciar o procedemento”.

A concelleira do BNG lamenta a maneira de proceder do alcalde do PP, que “non só estivo a estivo a protexer un familiar seu, senón que tamén estivo a amparar unha grave práctica de corrupción”.

Comentarios