A nova imaxe corporativa do PP reduce as siglas á mínima expresión

O novo logotipo do PP presentado na mañá desta sexta feira polo seu secretario xeral na Galiza, Miguel Tellado, minimiza de maneira significativa as siglas do partido.

tellado
photo_camera [Imaxe: PP] Tellado, na presentación da nova imaxe do PP.

31910960317_d96916eb5a_zO Partido Popular presentou publicamente a súa nova imaxe corporativa, cuxo logotipo mantén a palabra “Galicia” e que reduce á mínima expresión as siglas. No anterior, a palabra “PP” gañaba peso a respecto de “Galicia” en canto ao corpo da tipografía e ao estilo.

Cun pé nas eleccións estatais e a un ano das galegas, o partido encabezado por Alberto Núñez Feixoo na Galiza relega as siglas á marxe superior dereita do logo e destaca “Galicia”. Preguntado en rolda de prensa por se a redución de “PP” responde a que a marca non vende, Miguel Tellado salientou, “claro que vende”.

Na súa intervención diante dos medios Tellado afanouse en expor que “o nome de Galicia está por riba das nosas siglas, porque a nosa prioridade é Galicia e non o partido”. “Aquí naceu o PP de España, somos un elemento vertebral do noso partido e estamos orgullosísimos da nosa identidade”, sinalou.

O cambio de imaxe corporativa ten lugar após a resaca dos resultados do PP na Galiza nos comicios estatais, onde Galiza puxo fin a 37 anos ininterrompidos de hexemonía da dereita, e dos municipais, nos que o PP ficou sen poder nas cidades, coa porcentaxe máis baixa da súa historia e con só unha deputación, a de Ourense.

Comentarios