“O noso rol está cumprido”: Martiño Noriega deixa de ser concelleiro en Compostela

Canda Rafa Peña anuncian a renuncia ás actas de edís, nunha decisión xa meditada hai tempo mais que, recoñeceu o ex alcalde, “acelerou” o mal resultado do 12X.

Rafa Peña e Martiño Noriega
photo_camera Rafa Peña e Martiño Noriega (Foto: Compostela Aberta)

Martiño Noriega, ex alcalde de Compostela e un dos referentes do espazo das confluencias na Galiza, dá un paso ao lado e deixa a súa acta de concelleiro na capital galega. Unha decisión, dixo nunha comparecencia na tarde desta terza feira, meditada desde hai tempo mais que se .acelerou polo fracaso de Galicia en Común deste domingo “Non se pode agochar que os resultados do domingo aceleraron unha decisión adoptada hai tempo”.

Noriega realizou este anuncio acompañado de Rafa Peña, tamén concelleiro de Compostela Aberta e que tamén dimite como edil. Peña, no seu caso, apuntou a motivos laborais (traballa no aeroporto) e a que asume responsabilidades sindicais na CIG. “Foi un orgullo e pracer representar Compostela Aberta nestes 5 anos”, enfatizou este veciño de Lavacolla.

O ex alcalde aclarou que renunciar a ser concelleiro non significa renuncia algunha á militancia e compromiso político (“sempre a carón de Beiras e Antón Sánchez”).

Apuntou que estamos perante un “proceso de relevo en Compostela Aberta” e que “o noso rol está cumprido”, polo que agora cómpre “dar paso a xente disposta a pilotar unha nova etapa”.

O ex rexedor recoñeceu que as divisións e leas internas "pasaron factura" electoral ao espazo que representa Galicia en Común e tamén apuntou que o discurso do BNG hoxe en día ("e que non é o que tiña hai dez anos") é debedor da experiencia das confluencias. 

Máis en POLÍTICA
Comentarios