Maite Ferreiro, número 1 do BNG por Lugo

"A nosa primeira proposta será o xulgado de violencia de xénero para Lugo"

Maite Ferreiro Tallón naceu en Tórdea, Castroverde, no seo dunha familia labrega, e desde nova participou nas loitas agrarias conta a cota empresarial. Afirma que comezou así “a ser consciente de que o nacionalismo era unha boa ferramenta para defender o país das políticas que estaban acabando co mundo rural”. Foi responsábel da Secretaría de Mulleres do Sindicato Labrego Galego, traballou en varias empresas e desde o 2015 é concelleira do BNG en Lugo. Afronta agora o reto de liderar a candidatura do BNG por Lugo ás eleccións xerais. Responde por correo electrónico o cuestionario formulado por Sermos Galiza.

MaiteFerreiroTallón
photo_camera Maite Ferreiro Tallón

Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

O 28A é unha data importante para Galiza. Do goberno que saia destas eleccións dependerá que Galiza teña voz en Madrid ou que continuemos a ser obviadas. Medidas como unha tarifa eléctrica propia, que suporía rebaixar o custo da factura eléctrica, permitirían que empresas ubicadas no noso país, que están a xerar postos de traballo, puideran beneficiarse da nosa situación de territorio produtor.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

Nesta lexislatura o pobo galego comprobou que, primeiro co PP de Raxoi e despois co PSOE de Sánchez, a nosa sociedade e as súas necesidades foron ignoradas. O agravio a Galiza por parte do Estado mantívose durante todo este tempo.

Mentres o Estado incrementou a inversión no resto de comunidades, Galiza sufriu un recorte de máis do 20%

As consecuencias negativas que isto tivo para a nosa sociedade e para as súas necesidades son claras. Un exemplo é o dos orzamentos xerais. Mentres o Estado incrementou o investimento no resto de comunidades, Galiza sufriu un recorte de máis do 20%.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

Ben, á parte da tarifa eléctrica, debemos traballar por evitar a despoboación do noso medio rural. Eu mesma formo parte dunha xeración que marchamos, e as que quedaron, despois de moito traballo e sacrificio para lograr unha mellora das súas vidas, ven de novo marchar ás súas fillas e fillos.

Debemos traballar por evitar a despoboación do noso medio rural

Temos unha mocidade moi formada, mais sen posibilidades de emprego nin salario decente. Unha maneira de conseguir reverter iso é defender o aproveitamento dos nosos recursos, para producir leite e carne de calidade, e demandar a creación doutras actividades que xeren emprego e fixen poboación.

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

Para min son referentes os deputados que o BNG tivo ao longo da historia. Persoas como Paco Rodríguez, Rosana Pérez, Guillerme Vázquez ou Olaia Fernández Davila deixaron unha gran pegada polo traballo realizado, e nesta lexislatura continuaremos a traballar, coma elas, por e para os intereses de Galiza.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

A nosa primeira proposta será o xulgado específico de violencia de xénero para Lugo. Desde o BNG levamos tempo reivindicando a necesidade de que Lugo conte con este xulgado.

A nosa primeira proposta será o xulgado específico de violencia de xénero para Lugo

Precisamos dunhas instalacións axeitadas e persoal con formación específica en violencia de xénero. Isto vémolo cada vez que temos contactos con profesionais ou mulleres vítimas de violencia machista.

Como ve as opcións do BNG na cita electoral?

Dende o BNG vemos o 28 de abril como unha oportunidade para que a sociedade galega recupere a voz propia no Congreso, e teña quen a defenda. Comprobamos que os 23 deputados e deputadas elixidas por Galiza estiveron mudos, sen ser capaces de facer valer os intereses da nosa xente. Púxose en evidencia que ter unha soa deputada ou deputado do BNG, con liberdade para negociar a favor dos galegos e galegas, é máis útil que 23 deputados subordinados aos intereses de Iglesias, Sánchez ou Casado.

Comentarios