Nós ve no debate do “bipartidismo a catro” unha imaxe do futuro de Galiza sen grupo propio

"Soraya Sáenz dedicou cero segundos a Galiza, Pedro Sánchez cero segundos, Pablo Iglesias cero segundos e Albert Rivera, cero segundos; esa é a foto fixa se Galiza non tivese representación propia en Madrid", dixo Carlos Callón.

callonfene
photo_camera Callón en Fene (Imaxe: Nós)

Nós considera que o debate do “bipartidismo a catro” reflexa o futuro de Galiza de non ter grupo propio e soberano nas próximas eleccións do 20D. Os cabezas de lista da Candidatura Galega pola Coruña e Pontevedra ironizaron sobre o evento televisivo da pasada segunda feira, onde participaron as catro principais forzas estatais. 

“Non puiden ver o debate porque estaba en Mazaricos falando do sector do leite, pero tiven compañeiros que estiveron cronometrando cantas veces se trataba dos problemas galegos. Dixéronme que Soraya Sáenz dedicou cero segundos, Pedro Sánchez cero segundos, Pablo Iglesias cero segundos e Albert Rivera, cero segundos. Esa sería a foto fixa se Galiza non tivese representación propia en Madrid”, asegurou Carlos Callón durante un acto en Fene, onde instou a “desafiuzar a Mariano Rajoy” do goberno.

A número 1 por Pontevedra, Carme Adán, tamén se referiu ao evento. "Verdade que no debate de onte non escoitaches falar de Galiza?", preguntou con ironía ao público presente no mitin na localidade de Tui. Criticou nese sentido o “apagón informativo” que sofre a candidatura de Nós pero valorou que a campaña está na rúa. “Nos días que nos quedan, nas 260 horas que nos quedan, vaiamos casa por a casa a explicar o noso proxecto”, apelou Adán.

Unha Facenda galega 

Entre outras propostas, Callón apostou por “reactivar a economía real” que –segundo dixo– pasa por “contratar persoal sanitario, asistentes sociais, mestres, iso significa preservar os servizos públicos e xerar emprego”, explicou. O cabeza de lista de Nós pola Coruña advertiu ademais de que o fraude fiscal alcanza os 10.000 millóns de euros anuais, “unha cantidade moi superior ao todo o orzamento de Galiza nun ano”. Por ese motivo, propuxo crear unha Facenda galega “que permita recadar os todos os ingresos desde aquí e determinar as prioridades de investimento en función das prioridades que se fixen desde aquí”.

Comentarios