Nós-Up propón 502 medidas para saír da crise cunha lóxica “obreira, popular, patriótica e feminista”

A directiva organización independentista chamou á converxencia das luitas populares e do soberanismo galego e de esquerda nunha rolda de imprensa realizada en Compostela

photo_camera [Imaxe: SG]


A librería Couceiro na compostelá praza de Cervantes foi o espazo elixido para Nos-Unidade Popular apresentaren as súas 502 medidas para saírmos da crise económica. A vía proposta: a mestizaxe das luitas sociais e do nacionalismo galego e de esquerda cunha perspectiva “obreira, popular, patriótica e feminista”. Xunto ao secretario xeral de primeira liña, Carlos Morais, estaban @s membr@s da executiva nacional de Nós- Up, José Cadaveira, Rebeca Bravo e Bruno Lopes. 

Na súa intervención, Cadaveira explicou que o programa apresentado tiña por obxecto “formar unha ampla unidade popular afastada das distintas versións da Socialdemocracia” para axir a idea de que “o capitalismo non ten reforma posíbel”.Pola súa banda, Carlos Morais afirmou que a historia constatou o fracaso da vía autonomista. “Dende 1980, ano no que foi aprobado o Estatuto de Autonomía, comprobamos que os problemas da Galiza incluso se agravaron”, sendo que “o Estatuto non serviu para resolver os problemas reais da inmensa maioría social. Vivimos nun país máis pobre e españolizado”, resolveu o independentista. 

Doutra banda, o dirixente valorou “positivamente” a viraxe do BNG cara o soberanismo e a esquerda e lamentou “o abandono” por parte do nacionalismo “dos principios de calquera organización coherente coa liberación nacional”, en relación ao grupo presidido por Beiras e a raíz da súa “alianza co españolismo”. Neste senso,  Morias chamou a facer “unha campaña de concienciación política” para a maioría social comprender que “a grande parte dos grandes problemas do país non se poden solucionar sen a ruptura da Galiza con España”. 

Alén diso, Rebeca Bravo amosou a súa preocupación polo retroceso dos dereitos da clase traballadora e, nomeadamente, das mulleres e Bruno Lópes teimou en que a revolución popular “é hoxe máis necesaria cá nunca”. Para finalizar, Carlos Morais chamou a facer unha grande greve de 48 horas e José Cadaveira apelou á unión de todo o nacionalismo para o vindeiro día da Patria. 

Comentarios