Nós-UP chama a un 25 de xullo pola independencia

A organización independentista convoca unha manifestación ás 12.30 desde a Alameda de Compostela baixo a lenda "España e a UE son a nosa ruina". Nós-UP chama "ao pobo traballador galego" a se mobilizar contra as políticas "ultraliberais e españolistas" que, din, están a impedir un proxecto nacional para Galiza. Vídeo no interior

 

Baixo o lema, "España e a Unión Europea son a nosa ruina, Independencia", Nós-Unidade Popular convoca este 25 de xullo, unha manifestación nacional que partirá da Alameda compostelá ás 12.30h. 

Desde a organización independentista salientan que as principais reivindicacións que motivan a convocatoria para o Día da Patria son as consecuencias "das políticas ultraliberais e centralistas dos gobernos de Rajoy e Feijóo". Unhas políticas que din, seguen "ao pé da letra os dictados da UE e do FMI". 

Neste senso, desde Nós-UP aseguran que o lema da convocatoria ten por obxecto denunciar a "desfeita social" que para a maioría social supón "a destrución sistemática dos sectores estratéxicos" para Galiza; os baixos salarios, a precariedade laboral, a emigración, o empobrecimento, a exclusión social e a privatización dos servizos públicos. 

Unha realidade da que son responsábeis, din, o Estado español e a UE. Así, lanzan un chamamento "ao pobo traballador galego" a se mobilizar con motivo do Día da Patria e a participar nos actos convocados pola organización independentista que, ao igual que en anteriores anos, desenvolverá un acto político na Praza do Toural por volta da 13.30h e rematará cun xantar popular nos xardíns composteláns de San Roque. 

Comentarios