Nós reivindica a lingua no Culturgal e En Marea presenta o seu programa para o 20D

Segundo día de campaña e segundo día de propostas. Eis as principais propostas das formacións políticas a só 15 días das eleccións xerais.


Nós Candidatura Galega acudiu ao Culturgal, onde reivindicou o "orgullo da cultura e a lingua propia" como "sinal de identidade" dunha lista que se define como "100% de país". En Marea presentou oficialmente o seu programa electoral "20 ideas para o 20D". O PSdeG cargou contra Rajoy e Rivera, mentres o PPdeG celebrou un acto en Ourense coa presenza de Baltar.

Nós Candidatura Galega

A candidatura de Nós estivo presente no Culturgal, que se celebra estes días en Pontevedra. "Porque estamos orgullosos do noso, porque temos imaxinación, talento, artistas inmensos que poñen en valor a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa forma de ser, todo o material creativo de NÓS Candidatura Galega está feito por e dende creadores galegos", explicou o candidato pola provincia da Coruña, Carlos Callón.

"Nos últimos catro anos, Galicia perdeu un 25% do emprego que se xera arredor da nosa cultura, fundamentalmente persoas novas que non poden desenvolver as súas ideas", denunciou antes de asegurar que "os impostos teñen que servir para algo máis que para engordar o Instituto Cervantes", destacou a número un por Pontevedra, Carme Adán.

Callón e Adán estiveron acompañados dalgúns dos e das artistas que colaboran coas súas obras na campaña de Nós, como os debuxantes Luis Dávila 'Bicheiro' e Xosé Lois García 'O Carrabouxo'. Nós resaltou que o material da campaña quere poñer en valor o “enorme” potencial da cultura galega. "Unha das primeiras apostas no Congreso será a redución do IVE cultural, porque o cinema, o libro, o teatro, o audiovisual non poden ser penalizados a través de impostos", manifestou o cabeza de lista pola Coruña. 

En Marea

As candidaturas de En Marea presentaron o programa electoral da formación para o 20D"20 ideas para o 20D". Un texto que cualificaron como “carta de cidadanía” para que a cidadanía galega teña voz no Congreso. “Un goberno de cambio que altere en 180 graos as políticas de destrución do común levadas a cabo polo PP”.

O cabeza de lista pola Coruña, Antón Gómez Reino, presentou o capítulo 'Rescatar á cidadanía', cuxa primeira aposta para por por derrogar o artigo 135 da Constitución e "construír un á inversa, que trate de consolidar o gasto público e social", segundo declaracións recollidas por Europa Press. A continuación tomou a palabra a número dous por Ourense, Sofía Díaz, que falou do apartado de “defensa dos recursos e do ben común”, cuxos obxectivos pasan por "camiñar cara a un novo modelo produtivo e económico, baseado no ben común das persoas".

Pola súa banda, a cabeza de lista por Pontevedra, Alexandra Fernández, defendeu o capítulo de “Rescate da democracia e os dereitos humanos”, onde En Marea avoga por  entender a “política como ética e combater os privilexios que agora teñen uns poucos", apuntou. O número un por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, explicou que o programa aposta pola desaparición do Senado e das deputacións. 

PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, adicou a xornada a cargar contra o PP e Ciudadanos. Besteiro asegurou nun acto en Viveiro que “con Rajoy e Feijóo aplaudindo, Galiza perde cada ano 600 millóns”, e criticou que o AVE a Lugo “co actual ritmo inversor, nin en tres séculos”. O secretario xeral dos socialistas galegos tamén cargou contra o líder de Ciudadanos. “As dereitas, a de Rajoy e a de Rivera, só utilizan Galiza para dicir que bonita é, que ben se come, que boa xente”. 

PPdeG

O PPdeG celebrou un mitin en Ourense, onde o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu o voto para os populares “por Galicia e por España” apelando á “experiencia de xestión” e a “traxectoria” do seu partido. “A maioría dos alcaldes de Ourense teñen máis experiencia que Pablo Iglesias, Albert Rivera e Pedro Sánchez”, sentenciou Feijóo, que estivo acompañado polo presidente da Deputación, José Manuel Baltar, que foi obxecto antes do comezo dunha protesta baixo o lema “Baltar atenda, as mulleres non se venden”.

Comentarios