POLÍTICA

Nós reivindica cun ensobrado público de papeletas unha campaña feita “coas nosas mans” 

Nós reivindica cun ensobrado público de papeletas unha campaña feita “coas nosas mans” 

​O acto en varios municipios do país se realiza despois de que o Tribunal de Contas solicitara ao BNG a presentación das facturas polo encartado electoral durante os pasados comicios municipais. A formación nacionalista defende que foi feito, como nesta campaña, pola propia militancia e  simpatizantes.

nos ensobrado 4


Nós Candidatura Galega organizou este sábado un ensobrado público e masivo de papeletas electorais en varios municipios do país no que participaron decenas de militantes e simpatizantes da candidatura. A forza de confluencia reivindicou unha campaña feita “coas nosas mans”  despois de que o Tribunal de Contas requerira ao BNG –forza que se integra en Nós– a presentación das facturas polo traballo de encartado durante os pasados comicios municipais.

“Onde o Tribunal de Contas ve un problema, NÓS ve un motivo de orgullo", afirmou Callón.

“Onde o Tribunal de Contas ve un problema, NÓS-Candidatura Galega ve un motivo de orgullo, porque o diñeiro público debe adicarse a mellores causa e por iso tamén propoñemos que as papeletas estean exclusivamente no colexio electoral para aforrar recursos de todos e todas e gañar en democracia”, sinalou o cabeza de lista pola Coruña, Carlos Callón, que participou do acto en Compostela. 

Callón fixo fincapé en que “cada papeleta que chega a cada casa galega foi dobrada e ensobrada por unha militante, unha simpatizante ou unha activista” e recordou que a campaña de Nós “nin acude a créditos bancarios nin a subvencións”.

Vence: "Unha estratexia deliberada de persecución"

Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, considerou que a actuación do Tribunal de Contas “forma parte dunha estratexia deliberada de persecución a unha alternativa molesta como é a alternativa nacionalista”, en referencia tamén á citación da Audiencia Nacional pola que el e o secretario de organización do Bloque, Bieito Lobeira , terán que declarar o próximo 14 de decembro como testemuñas no marco da investigación contra Causa Galiza. 

“A cidadanía galega sabe que Nós é unha ferramenta chave para defender os intereses da maioría social, e entende os ataques desde Madrid como a proba da importancia de ter voz propia con esta candidatura o 20D”, concluíu Vence.

Sobre o requirimento do Tribunal de Contas, Bieito Lobeira explicou días atrás que a fronte nacionalista renunciou á subvención para facer o envío masivo nas municipais e valorou positivamente o “traballo colectivo” realizado por centos de militantes e simpatizantes. Apuntou tamén que a renuncia da subvención supón un aforro de dous millóns de euros para as arcas públicas. 
 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios