xoves 01/10/20
VOCES DE CAMPAÑA / ISABEL RISCO

"Nós é un reflexo da capacidade de traballo e implicación do pobo galego”

A número 2 de Nós pola Coruña reivindica unha campaña “artesá, feita coas nosas mans” e "inspirada no día a día das galegas e galegos" fronte á “maquinaria pesada” das forzas estatais.

Isabel Risco


Como estás vivindo a campaña?

Moi intensamente. Por un lado con moito orgullo de formar parte dunha organización incrible, que cre no seu pobo e no seu país, e que facemos todo nós. É unha campaña artesá, feita coas nosas mans, a todos os niveis. Desde a parte audiovisual á parte máis prosaica de ensobrar, repartir ou 'buzonear'. E por outro lado, vivila desde Nós, que é un reflexo do pobo galego. Esa capacidade de traballo e de implicación, mentres outros veñen aquí de turistas ou paracaidistas, pois nós vivimos o noso país intensamente, porque formamos parte del e porque queremos mudar as cousas. Aquí aparecen algúns personaxes en momentos determinados e logo desaparecen. Apoiados polos mass media, que moitas veces parecen como un Prozac, todo o día inoculando. E contra iso estamos nós, que somos o que se ve, somos nós.

Fronte a iso, unha campaña moi centrada nas redes...

Son as ferramentas que temos. Hai xente que ten maquinaria pesada e nós temos as ferramentas de labranza, as ferramentas para ir ao mar, para tallar a madeira... Só hai que ver a cobertura que está facendo a TVG. E na estatal que nos dan esmola, uns minutos, cando temos representación no Congreso. Poñen a Callón pola mañá, cando a xente que ten sorte de traballar non pode velo, e a quen non ten esa sorte igual está buscando traballo, ou acampada en San Caetano, ou co tractor aparcado rodeando a muralla de Lugo. É como un David contra Goliat, é así.

"Nós vivimos o noso país intensamente, mentres outros veñen aquí de turistas ou paracaidistas"

Es a autora de boa parte dos vídeos do Nós. En que te inspiraches?

É un traballo en equipo. A inspiración vai xurdindo entre unhas e outras. Xa non só quen formamos parte da candidatura ou estamos dunha organización, en xeral nos inspiramos do que vemos no día a día do país, das loitas, das protestas, que tamén son fonte de inspiración. Queríamos mostrar a capacidade que temos para transformar. Como no caso dos monólogos, transformando textos clásicos do cinema e do teatro para extrapolalos á nosa realidade. 

Que buscabas con eles?

Mostrar que temos a capacidade de ser modernos e transgresores, facer cousas distintas. Cando falo de modernidade non falo de esta modernidade efémera, que parece moitas veces unha pose. Porque a modernidade tamén está no rural. Por exemplo, xente como Elena Ferro ou mesmo Sanín, que transforman o máis tradicional en algo moi moderno. A modernidade está na raíz, e esa raíz vai arriba. E despois que contamos con moita axuda e achegas de moitas persoas. Como o último vídeo de Martín Camiña; foi el quen nos ofreceu a súa maxia branca, un agasallo incrible. 

"Cos vídeos queríamos mostrar que temos a capacidade de ser modernos e transgresores"

Se pensas no 20D, que escenario ves?

Eu visualizo esa estrela encarnada que lle dicía unha muller afectada polas preferentes a outra. Falaban de que antes vían o BNG como un partido radical, e cousas así, pero que desde que as estafaron se deran conta de que eran os únicos que estaban sempre nas rúas e nas institucións con eles. Que agora se chaman doutra maneira, e van con máis xente, pero que só teñen que seguir a estrela encarnada para non descoidarse. Unha estrela que nos guíe pola xustiza social e a liberdade. Que vaia deixando un pouso no pobo galego.

E que estea o 21 D no Congreso, entendo.

Por suposto. Eu non apelo xa a un sentimento máis ou menos nacionalista. Apelo a un sentimento de supervivencia. Na medida en que sintas galega ou galego, quererás que o teu país exista. E quererás poder vivir na túa terra, con traballo, con dignidade, e non ver como a túa xente marcha. E se Nós estamos, Galiza está.

comentarios