'Nós-Candidatura galega' recolle o testemuño do traballo do nacionalismo nas Cortes españolas

Os integrantes da lista reuníronse perante o Museo do Pobo Galego para presentar a candidatura como a “voz propia” e “100% galega” que vai defender "o país e o seu futuro".

Nós-CG

Nós-Candidatura Galega presentou esta segunda feira en Compostala a súa candidatura para as eleccións do 20 de decembro, unha lista que, sinalan, quer ser un novo chanzo na historia da presenza do nacionalismo galego nas Cortes españolas: o Partido Galeguista na II República e o BNG a partir de mediados da década dos noventa. Exemplos que partillan con Nós o de ser, afirman, forzas “100% galegas” e que traballaron “con voz propia” desde o país e para o país.

Olaia Fernández Davila, deputada do BNG no Congreso, foi a primeira en intervir, poñendo en valor o traballo desenvolvido polo nacionalismo galego nestas dúas décadas de presenza en Madrid. Incidíu na importancia de Galiza ter, na lexislatura que se abrirá após as eleccións de decembro, presenza nas Cortes para “defender a identidade nacional” do país, así como os seus intereses e necesidades.

“Hai unha candidatura do país, e é esta”

Carlos Callón, cabeza de lista pola Coruña, insistiu en que Nós “bebe” do legado marcado polo traballo e presenza dos deputados galeguistas e nacionalistas nas Cortes españolas. Unha presenza que fixo posíbel que “ os problemas de Galiza estivesen na axenda” do Estado. “Nós imos a Madrid a defender Galiza e non os intereses dun partido concreto”, dixo citando a Castelao. Para Callón, así como hai “viño do país e queixo do país”, tamén hai “unha candidatura do país, que é esta”. Unha lista que aúna a defensa de Galiza e das maiorías sociais e políticas de progreso, por iso, enfatizou “os votos a Nós valen duplo”.

Olalla Rodil, xornalista e cabeza de lista por Lugo, defendeu o valor do voto a Nós como unha aposta “nunha vida digna e na Terra” para todas as persoas, destacando o papel a xogar pola mocidade á hora de achegar a reverter a situación actual. Noa Presas -número 1 por Ourense- afirmou que a candidatura partilla “crer neste país” e situou o “nacionalismo de esquerdas” como a opción que pode permitir mudar a situación.

Carme Adán, que lidera a candidatura por Pontevedra, tamén fixo referencia a Castelao e dixo que Nós era “a candidatura que racha coa resignación”, a candidatura “100% galega”. Unha lista para que os diferentes sectores produtivos do país teñan unha ferramenta que os defenda nas Cortes á vez que defende os servizos públicos e pula por “un futuro” para Galiza.

Comentarios