Nós reclama un novo proceso constituínte que garanta os dereitos de Galiza como nación

A Candidatura Galega chama cun acto simbólico na praia de Riazor a superar o marco da actual Constitución española para blindar “os dereitos das maiorías sociais e das nacións”.

Nós 640


Nós Candidatura Galega reclamou este domingo a apertura dun novo proceso democrático cun acto simbólico na praia coruñesa de Riazor. Cunha faixa humana lanzaron a mensaxe “Agora NÓS” para pedir que se supere o marco da actual Constitución española, co obxectivo de “garantir os dereitos das maiorías sociais e das nacións”.

"Só NÓS aposta porque Galiza continúe a ser unha nación con todos os dereitos", dixo Carlos Callón.

“Nesta eleccións os galegos e galegas temos que escoller se queremos seguir sendo unha nación ou que Galiza pase a ser unha provincia esquilmada e despoboada. O 20D hai moitas opcións pero só a papeleta de NÓS-Candidatura Galega aposta por que Galiza continúe a ser unha nación con todos os dereitos e con voz propia en Madrid ”, declarou o cabeza de lista pola Coruña, Carlos Callón, que lembrou que ningunha persoa con menos de 50 anos puido participar no proceso constituínte.

O acto foi promovido polo BNG, como forza integradora da candidatura. Entre as ducias de persoas que participaron do acto, estivo presente o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, que subliñou a importancia da candidatura galega. “Ante unha Constitución que nega a Galiza como nación, Nós está empeñada en afirmar o carácter nacional deste país, porque temos dereito a existir e a ter futuro”, asegurou segundo nota de prensa da formación.

Comentarios