Nós ironiza coas visitas de Rajoy e Iglesias a Galiza co vídeo 'O día do paracaidista'

Nova entrega de #ParaVídeosNós, a proposta audiovisual da campaña de Candidatura Galega, esta vez cunha sátira dos líderes de PP e Podemos, que esta cuarta feira coinciden no país para apurar as súas opcións electorais. Vídeo no interior


O líder do PP, Mariano Rajoy, e do número 1 de Podemos, Pablo Iglesias, coinciden esta cuarta feira en Galiza para apurar as súas opcións electorais cara o 20D. Unha 'aterraxe' coa que Nós-Candidatura Galega ironiza na nova entrega da campaña audiovisual #ParaVídeosNós, titulada 'O día do paracaidista'.

Uns hipotéticos Rajoy e Iglesias viaxan xuntos a Galiza, onde falan sobre o debate territorial. “En Galiza témolos encantados. Co do 'país de países' xa tragan...”, di no vídeo a versión satírica do líder de Podemos. “Iso é o mesmo que lles dicía Zapatero! O da España plural”, bromea o Rajoy imaxinado pola Candidatura Galega. 

As visitas dos candidatos á presidencia de PP e Podemos serán as únicas que fagan nesta campaña electoral ao país. Desde as 11 horas, Iglesias participa nun mitin na Facultade de Economía e Empresa da Coruña. Pola súa banda, Rajoy cambiou a súa axenda para apurar os resultados en Galiza, e estará ao longo do día en Vigo, Pontevedra e pechará cun mitin na Coruña. D

Desde Nós fixeron un chamamento a militantes e simpatizantes para que coloquen unha imaxe dun paracaidista nas súas redes sociais en apoio da campaña.

Amigas e amigos de #ParaVídeosNós, hoxe é o gran día. Hoxe é o #DíaDoParacaidista Dálles a benvida!! pic.twitter.com/DFVJpYcVAN

— NÓS Candidatura Gal (@noscgalega) December 16, 2015

Comentarios