Nós esixe un novo modelo de financiamento para Galiza e unha rebaixa do IVE

A cabeza de lista por Pontevedra, Carme Adán, visitou o mercado do Progreso, acompañada do alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, onde apostou por políticas que favorezan o comercio local.


Nós Candidatura Galega esixiu un novo modelo de financiamento para Galiza baseado nas cotas similar ao que ten Euskadi. Así o defendeu a súa número 1 por Pontevedra, Carme Adán, durante unha visita ao mercado do Progreso en Vigo para coñecer as demandas das e dos comerciantes locais. “Necesitamos medidas económicas que reactiven a economía”, apuntou Adán, que sinalou entre elas unha rebaixa do IVE e unha nova lexislación fiscal para as persoas autónomas.

Hoxe liamos que o señor Mariano Rajoy promete sorpresas. Por favor, que non nos de máis sorpresas!”, dixo con ironía. “Subiu o IVE ás persoas que están neste mercando vendendo e comprando, ralentizando o consumo. Deixou libres aos defraudadores e, en cambio, segue apertando aos autónomos sen ningunha medida real. Deixou a economía totalmente paralizada”.

"Deixou libres aos defraudadores mentres segue apertando aos autónomos sen ningunha medida real", afirmou Adán

A cabeza de lista de Nós por Pontevedra propuxo que a nova fiscalidade para as persoas autónomas “sexa a través dos ingresos, para que podan sobrevivir e  levar adiante pequenos e medianos negocios”. Adán estivo acompañada polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, así como pola deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, e o voceiro local dos nacionalistas, Serafín Otero

"Desde Nós agradecemos apoios como o do alcalde de Lalín, que está transformando a súa vila e demostrou que se pode desaloxar ao PP. Nós apoiaremos ese desaloxo, pero con voz propia, desde Galiza”, sinalou Adán.

Pola súa banda, Cuíña transmitiu a súa confianza na candidata de Nós. “Creo en persoas como Carme Adán, creo no futuro deste país e creo na necesidade de defender os sectores estratéxicos do país”, manifestou o alcalde de Compromiso por Galicia. Unha defensa que –segundo dixo– “só pode facer unha candidatura netamente galega, que é a que representa Nós”.

Comentarios