Nós demanda unha banca pública galega e En Marea reúne 30 candidaturas de confluencia

As formacións que concorren ás eleccións do 20D continuaron esta segunda feira cunha intensa axenda de campaña electoral.


Nós Candidatura Galega acompañou a protesta das persoas afectadas pola nova estafa bancaria do aforro galego. En Marea celebrou un encontro cunha trintena de candidaturas municipalistas onde pediron “unha primavera longa” que se estenda até as autonómicas. O PSdeG reuniuse con membros do sector gandeiro; mentres o PPdeG carga de novo contra toda o resto das formacións.

Nós Candidatura Galega

O cabeza de lista de Nós pola Coruña, Carlos Callón, participou esta mañá no acto de protesta convocado pola Plataforma de Afectadas polas Preferentes de Compostela. Callón recoñeceu a loita de miles de activistas durante os últimos anos, e de novo coas afectadas polos bonos convertibles, reclamando a devolución dos seus aforros espoliados. 

“Vaise tratar a estafa bancaria de miles de galegos e galegas, vaise tratar algún dos problemas que afectan ás persoas deste país?”, preguntouse Callón, en referencia ao debate televisivo das catro principais forzas estatais. O número 1 de Nós denunciou ademais que un de cada catro euros dos aforros das galegas, un total de 14.000 millóns de euros, “emigran fóra de Galiza para financiar investimentos noutras partes do territorio”.

Callón trasladou a proposta de Nós para a creación dunha banca pública galega que “garantan a canalización do aforro caras as pemes e as familias galegas”. Destacou o traballo institucional do BNG -forza integrada en Nós- xunto a presión social polo espolio das caixas galegas, cuestión que foi agradecida pola Plataforma de preferentistas. 

En Marea

A formación En Marea mostrou músculo na Coruña cun encontro municipalista dunha trintena de candidaturas de confluencia. Nel presentaron o manifesto 'Maio foi só o principio' onde pediron unha “primavera longa” que continúe a “rebelión democrática” iniciada nas municipais. As candidaturas ratificaron o seu “compromiso cun proceso de cambio” que non remate o 20D e acabe “desaloxando por fin ao PP da Xunta”.

“Queremos levar a voz ao Congreso e as mareas municipalistas son o espello. En Marea debe ser un motor para que máis xente siga participando nos espazos municipais para tecer a rede e abrir espazos de cooperación”, asegurou a número por Pontevedra, Alexandra Fernández

As mareas trasladaron no manifesto o seu apoio á candidatura de En Marea para “que leven a onda de ilusión avanzada polos nosos gobernos rebeldes ao Congreso dos Deputados”. Consideraron que os resultados das municipais serviron “para bater á clase política, unha clase política que non se parecía a nós, sobre a base dun forte compromiso ético. Propuxemos un novo contrato, unha nova política”.  Por ese motivo, aseguraron que “Maio foi só o comezo, Galiza quere un cambio, e isto non hai quen o pare”. 

PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, estivo esta segunda feira con gandeiros en Lugo e arremeteu contra a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, candidata do PP por Madrid, por non acudir durante as protestas do sector e agora “prometer cousas que non cumpren”. Besteiro considerou necesaria “unha proposta clara” para aumentar o tamaño das explotacións gandeiras, cunhas condicións nas distribucións que non marquen e impoñan a súa lei”. 

PPdeG

O líder dos populares, Alberto Núñez Feijóo, dividiu o día de campaña entre Huelva e Foz. O tamén presidente da Xunta cargou contra o resto de formacións políticas e dixo que o PP é o “único voto seguro” para que en España “non goberne a esquerda socialista, nin a extrema esquerda de Podemos e mareas”; así como contra o nacionalismo, a quen identificou cos “do non”, e dixo que o “non a España é o non a Galicia”.
 

Comentarios