Nós defende o concerto económico para Galiza

A candidatura presentou as súas liñas programáticas. Un conxunto de propostas "sociais" e "galegas", salientaron. 

Nós_CandidaturaGalega_programa
photo_camera [Imaxe NÓS, Candidatura Galega]

Carme Adán (Pontevedra), Carlos Callón (A Coruña), Noa Presas (Ourense) e Olalla Rodil (Lugo) presentaron esta segunda feira as principais propostas que compoñen o programa electoral de Nós, Candidatura Galega para as eleccións do 20 de decembro. Unhas "liñas programáticas", sinalou a candidata ao Congreso español por Pontevedra, Carme Adán, que son "o resultado" dun "proceso participativo" no que se recolleron as "emendas" achegadas através da rede e que xiran arredor de "tres eixos" fundamentais. 

Propostas "sociais" e "galegas", explicou Adán, encamiñadas a fornecer de maior poder político a Galiza para xerir os servizos públicos, as infraestruturas e os recursos económicos do país. 

Entre as propostas presentadas atópase a aposta nun concerto económico para Galiza e a creación dunha Axencia Tributaria Galega coa que garantir que os servizos sexan "100 por cento públicos", asegurou Adán. Mais tamén, sinalaron, un "novo sistema fiscal" que "grave as grandes fortunas" e "obrigue as empresas instaladas aquí a tributar na Galiza"; "rematar coa evasión fical" e "perseguir a fraude", acrecentou Olalla Rodil. 

Salarios 

Pola súa banda, o candidato de Nós pola circunscrición da Coruña, Carlos Callón, debruzouse sobre os aspectos máis sociais do programa pondo en valor o traballo desenvolvido polo BNG nas Cortes españolas durante os últimos anos e do que Nós, Candidatura Galega "recolle" o testemuño, sinalou. 

Neste senso, entre as liñas programáticas atópase a "dación en pagamento retroactiva" que foi defendida "por vez primeira" no Congreso polo nacionalismo no ano 2011, ao tempo que a prohibición das execucións hipotecarias de primeiras vivendas. Así mesmo, defenden a fixación "dun salario máximo" que sexa "10 veces o salario medio". "Se os executivos queren cobrar moito que suban o soldo de quen xera a riqueza", asegurou. 

Participación

Pola súa banda, Noa Presas, candidata pola circunscrición de Ourense enfatizou a aposta na mocidade que representa "a candidatura coa media de idade máis nova". Neste senso, e en aras de pular pola participación xuvenil o programa electoral inclúe a redución da idade mínima para exercer o dereito de sufraxio pasando dos 18 anos aos 16. 

Presas tamén explicou a defensa dos dereitos laborais polo que reclamarán a derogación das "reformas laborais" aprobadas polos gobernos do PP e PSOE así como a obriga legal de que os contratos en prácticas fixen como base "o salario mínimo" interprofesional. 

Asemade, a candidata ourensá explicou propostas encamiñadas a pular pola "democracia directa" e "popular" coa fixación dunha "lei de consultas" e a derogación da Lei Mordaza. 

Finalmente subliñou a incorporación tamén no programa da xestión propia desde Galiza de infraestruturas como as autoestradas ou os trens. Medidas que completan coa supresión das competencias duplicadas e de entidades "anacrónicas" como as Delegacións do goberno español e as Deputacións provinciais. 

Comentarios