xoves 04/03/21
ADVIRTE DE QUE FAVORECEN O BIPARTIDISMO

Nós critica os plans de cobertura da RTVE e CRTVG por “non respectar a pluralidade”

Nós Candidatura Galega denuncia que os plans de cobertura electoral da RTVE e da CRTVG “non respectan a pluralidade política e só favorecen o bipartidismo a catro”. Sinala que “non se garante o dereito dos galegos e galegas á información”.

A través dun comunicado, Nós Candidatura Galega denuncia os plans de cobertura da RTVE e da CRTVG ao entender que non respecta “a pluralidade política” e que “só favorece ao bipartidismo”. Desta maneira, advirte de que “non se garante o dereito dos galegos e galegas á información” e que se “somete a cidadanía a unha manipulación informativa constante”.

A coligazón da que forma parte o Bloque afirma que o “apagón informativo” é “sempre para os mesmos”. “Reclamamos o dereito a ter un espazo informativo acorde á representación do nacionalismo galego no Congreso”, salienta Nós, que considera “indignante que forzas que aínda non chegaron ao Congreso –en alusión a Podemos e Ciudadanos- conten con todos os dereitos do mundo a ter presenza en todo acto informativo nas televisión públicas, mentres que organización con representación nin aparecemos”.

Ademais, a candidatura acusa a CRTVG de ter a “intencionalidade obxectiva de acalar a voz de Nós” e de non garantir o dereito dos galegos e galegas “á información”. Neste sentido, critica “a negativa do PP nos órganos de control da CRTVG a calquera formato que garanta o debate e o contraste a nivel galego, levando interesadamente o debate ao marco estatal”.

No que respecta á RTVE, Nós denuncia o “entreguismo evidente do bipartidismo a catro que se está a potenciar de maneira interesada”, pois os debates de TVE “inclúen Podemos e Ciudadanos”, formacións sen representación no Congreso e “exclúen todas as forzas do Grupo Mixto con escaños na Cámara Baixa”.

comentarios