Nós salienta a necesidade de impulsar un novo modelo económico en Galiza

A cabeza de lista por Pontevedra, Carme Adán, afirmou que “os debates deben ser sobre as cousas de comer, sobre as pensións máis baixas do Estado que están en Galiza ou a privatización da sanidade”.


Nós Candidatura Galega chamou a mudar o modelo económico de Galiza perante o empobrecemento das clases traballadores do país. Nun acto en Moaña, a cabeza de lista por Pontevedra, Carme Adán, salientou que “os debates deben ser sobre as cousas de comer, sobre as pensións máis baixas do estado que temos en Galiza ou a privatización da sanidade”, en alusión o debate dos candidatos das catro principais forzas estatais

“O noso non vai cun debate televisivo de bipartidismo a catro, do que non só se excluíu a Nós senón que se excluíu a Galiza e os seus problemas”, sinalou Adán, acompañada da alcaldesa do BNG, Leticia Santos. A número 1 de Nós na provincia alertou da situación de 180.000 persoas na Galiza que non poden pagar a luz mentres “temos excedente na produción de electricidade pero non temos compensación na factura da luz”. 

“Cantos galegos hai que teñan recoñecido o dereito da dependencia e non teñen nin unha soa prestación?, preguntou Adán.

Adán puxo o fincapé nos recortes en materia social, como en dependencia. “Cantos galegos hai que teñan recoñecido o dereito da dependencia e non teñen nin unha soa prestación?, preguntou a candidata de Nós. Tamén no relativo á mocidade. “Dixémoslles que a formación era o primeiro e hoxe o seu futuro é incerto”, criticou.

“Unha campaña diferente, un modelo diferente”

 Na mesma liña se expresou a cabeza de lista de Nós por Lugo, Olalla Rodil, que asegurou que “non se pode consentir que se continúen a facer políticas contra as persoas, os mozos e mozas temos que dicir: ata aquí chegamos”. Rodil destacou que Nós impulsa “un modelo diferente de campaña e un modelo diferente para Galiza”.

Un dos cambios presentados foi o relativo á mobilidade, que quixeron poñer de relevancia con bicicletas da candidatura, que terán presenza nas rúas lucenses durante a campaña. “Entre as propostas de Nós está a dun cambio na concepción da mobilidade, para facela máis sostible, fomentando modelos de transporte intermodais entre as vilas e cidades do país”, apuntou.

Comentarios