NUN ACTO CON MOZOS E MOZAS ORGANIZADO POR GALIZA NOVA

Nós-Candidatura Galega postúlase como a “forza da mocidade”

Nun encontro organizado por Galiza Nova a mañá deste sábado en Compostela, Nós-Candidatura Galega, candidatura representada polas súas cabezas de lista, presentouse como a “forza da mocidade”.

Nós Candidatura Galega 2

Galiza Nova organizou na mañá deste sábado en Compostela un acto coas cabezas de lista de Nós-Candidatura Galega para dar as coñecer as propostas da mocidade nacionalista de cara ás eleccións xerais. No encontro, mozos e mozas candidatas animaron a mocidade galega “a apoiar e facer campaña por Nós-Candidatura Galega, xa que será a única forza que se rebele para defender Galiza”.

Carme Adán: "Un país que expulsa a súa xuventude está abocado a desaparecer"

Carlos Callón, candidato pola Coruña, chamou a “defender o noso futuro, a nosa cultura e o noso país sen dependencias”, mentres Carme Adán, cabeza de lista por Pontevedra, salientou o valor da mocidade e advertiu de que “un país que expulsa a súa xuventude está abocado a desaparecer”. “Nós seremos a voz das mozas e mozos que foron expulsados da terra por falta de oportunidades laborais”, apuntou, “reivindicaremos un futuro digno na terra, no que poder estudar, investigar e traballar”, engadiu nun acto no que tamén participaron as cabezas de lista por Lugo, Olalla Rodil, e Ourense, Noa Presas.

Alberte Mera: "A mocidade galega traballará día a día para construír a paz en todos os pobos do mundo"

O encontro estivo marcado pola lembranza e a solidariedade coas vítimas dos atentados de París, “a mocidade galega traballará día a día para construír a paz en todos os pobos do mundo, para que non haxa máis morte nin terror”, salientou Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova.

Callón e Adán dormen cos mariñeiros do cerco

Pola outra banda, Carlos Callón, candidato de Nós-Candidatura Galega pola Coruña, e Carme Adán, candidata por Pontevedra, durmiron a pasada noite cos mariñeiros do cerco no campamento de protesto que manteñen fronte ao edificio administrativo da Xunta en San Caetano. Acompañáronos Ana Miranda, portavoz do BNG en Bruxelas, e Daniel Rodas, portavoz do BNG en materia de Pesca no Parlamento galego.

Comentarios