CASE 3 MIL PERSOAS, INSCRITAS XA NAS PRIMARIAS

Nós-Candidatura Galega, o nome da lista que impulsa IpU para as xerais

A coordinadora de Iniciativa pola Unión acordou que esta sexa a marca electoral que promova para os comicios do 20 de decembro.

IpU
photo_camera [Imaxe Quino Vilas]

A plataforma cívica, Iniciativa pola Unión, apostará no nome Nós-Candidatura Galega como denominación da candidatura para as eleccións ás Cortes españolas. Así o acordou "por consenso" a súa coordenadora. Aliás, afirman que xa están a traballar no deseño gráfico da marca. 

IpU continúa a avanzar no proceso de eleccións primarias en cuxo censo se inscribiron, até o momento, máis de 2.900 persoas. O período de rexistro rematará o 3 de novembro. Un día despois a plataforma proclamará as candidaturas presentadas que serán sometidas a votación -presencial- o 8 de novembro. Aínda non se deron a coñecer os locais onde se instalarán as urnas.

IpU continúa a avanzar no proceso de eleccións primarias en cuxo censo se inscribiron, até o momento, máis de 2.900 persoas

De acordo co regulamento acordado desde IpU cada persoa poderá votar un número limitado de nomes en función da circunscrición. Así, serán 4 para a Coruña (dun total de 7), 1 para Lugo e Ourense (dun total de 3) e 3 por Pontevedra, dun total de 6. Igualmente, para o Senado as persoas censadas só poderán marcar 2 nomes. 

Após a convocatoria oficial das eleccións xerais, todas as candidaturas deberán estar rexistradas formalmente o día 13. Isto é, en 15 días a partir de mañá.

Comentarios