Nós aposta nun plan industrial para recuperar o sector naval da crise

A cabeza de lista por Pontevedra, Carme Adán, denuncia “as mentiras do PP” e a falta de compromiso cos estaleiros galegos, durante un encontro co persoal e a dirección de Vulcano en Vigo.

Naval Carme Adán (Imaxe: Nós)
photo_camera Foto: Nós


A campaña de Nós Candidatura Galega estivo esta terza feira co sector naval en Vigo. A número 1 por Pontevedra, Carme Adán, apostou nun plan industrial, que facilite o financiamento e o investimento en innovación, como chave para recuperar os estaleiros galegos da crise, durante unha reunión co persoal e a dirección da empresa Vulcano.

“As gradas están baleiras, non se está a cortar chapa, hai un barco aí pero non hai financiamento. Queremos denunciar as mentiras do PP. O goberno de Rajoy repetiu que había un compromiso co naval pero comprobamos a falla de carga de traballo”, dixo Adán. “Seguiremos a traballar sen descanso no Congreso como o fixemos até agora, un sector estratéxico na economía de Galiza, e en concreto de toda a comarca de Vigo”.

A cabeza de lista de Nós por Pontevedra considerou que se trata dun “problema exclusivamente político”, e puxo os exemplos de Noruega, Alemaña e mesmo de Euskadi e Asturias onde “están a facer barcos”.  Estivo acompañada por deputada Olaia Fernández Davila, polo voceiro local do BNG, Serafín Otero, e polo histórico dirixente nacionalista Camilo Nogueira. “É un sector punteiro que debería dar traballos a mozos e mozas co boa formación. Un sector no que debería impulsarse a innovación, un piar fundamental”, sinalou Adán.

“Nós non cambiamos o programa a golpe de enquisas”

Pola súa banda, o número 1 de Nós pola Coruña, Carlos Callón, realizou nun encontro coa comunidade educativa na biblioteca Ángel Casal. Callón defendeu “unha ensinanza pública de calidade, laica e en galego” e pediu a derrogación da Lomce. Nese sentido, asegurou que Nós é a única candidatura que “leva no seu programa unha aposta inequívoca pola ensinanza pública, nin privada nin concertada”

Antes Callón participou no segundo almorzo electoral organizado pola Asociación da Prensa da Coruña. O cabeza de lista de Candidatura Galega dixo que “votar Nós vale por dous”, pois na súa opinión “ten o valor de ser a única sen límite na defensa de Galiza e de ser un voto por unha política coherente de esquerdas que non cambia o seu programa a golpe de enquisas”.
 

Comentarios