Nós abre a precampaña cun acto masivo en que se reivindica como a voz de Galiza

Baixo o lema “a forza do noso pobo”, Nós, Candidatura Galega abriu a precampaña cun acto que tivo lugar na mañá do domingo en Compostela que xuntou perto de 2.000 persoas. “Estando nós, Galiza está” foi unha das consignas máis coreadas polo público.

CABEZAS LISTA NOS CANDIDAUTURA GALEGA (1)

Música, optimismo, ilusión e alegría mesturáronse con reivindicacións e chamadas a defender os intereses dos galegos e galegas sen dependencias alleas ao país. Pasadas as 12h, os bombos e das gaitas anunciaba o comezo do acto co que Nós, Candidatura Galega abriu a precampaña na mañá deste domingo en Compostela. Tras a música, Isabel Risco e O Carrabouxo repartían castañas entre as persoas asistentes, que aplaudiron cada chanceo da artista e do artista sobre o panorama político no que terán lugar as eleccións xerais.

O amplo abano de intervencións políticas iniciouse coas palabras de Helena Pérez, que, en representación de Iniciativa pola Unión, lembrou como xermolou a candidatura, homenaxeou as Irmandades da Fala e salientou a convocatoria de primarias abertas e o programa electoral colaborativo. A continuación, agradeceu o traballo das forzas políticas que forman parte da coligazón: Partido Galeguista, Partido Comunista do Pobo Galego, Coalición Galega, Fronte Obreira Galega e Bloque Nacionalista Galego, que recibiron unha grande ovación por parte das persoas asistentes.

O acto contou coa intervención dun amplo abano de representantes que encarnan as distintas loitas sociais

Após a apertura a cargo de Helena Pérez, tiveron lugar as intervencións das candidatas e candidatos que encarnan as distintas loitas sociais. Así, Xosé Leirós falou dos emigrantes retornados; Vanesa Nieves, do calote das preferentes e Carlos Alberte Lamazares, quen subliñou que “Nós é a única tractorada que pode defender este país”, aludiu á crise leiteira. Tamén interveu Tareixa Novo, quen defendeu a cultura galega e mesmo cantou, acompañada do público, a capela.

NOS 1Manolo Presas reivindicou a loita dos mariñeiros do cerco á vez que o público berraba “nin na terra nin no mar, non nos deixan traballar”. Montse Porteiro referiuse, a continuación, aos recortes que sofre a sanidade e Djiby Fall e Cheikh Faye tomaron a palabra expoñer as semellanzas entre o colonialismo que sofren no Senegal co colonialismo que sofre Galiza. Estas dúas persoas de nacionalidade senegalesa decaeron das listaxes por careceren o seu país dun convenio co Estado español que lles permitise votar e ser votados.

Tres cadeiras baleiras simbolizaron a emigración xuvenil

Entre as candidatas e candidatos que permanecían sobre o escenario, destacaban tres cadeiras baleiras que simbolizaban a emigración da mocidade. Eran os asentos de tres mozos e mozas que se atopaban en Londres e en Barcelona. A súa voz, a través dunha peza audiovisual, tamén estivo presente no acto de Nós, Candidatura Galega.

Tamén falaron os candidatos e candidatas ao Senado: Segundo González, Xabier González, Alba Cuba e Xosé Luís Rivas, “Mini”. Un dos momentos máis ovacionados chegou coas intervencións de Francisco Rodríguez, Rosana Pérez e Olaia Fernández, que deron conta dos vinte anos de representación do nacionalismo galego no Congreso.

Cando o acto, que durou ao redor de dúas horas, chegaba á súa fin, tomaron a palabra as cabezas de lista de Nós, Candidatura Galega. Noa Presas, candidata por Ourense, referiuse aos problemas que sofre a mocidade e a unha constitución que non garante os dereitos dos galegos e galegas. Olalla Rodil, candidata por Lugo, aludiu á capacidade de Galiza para producir e apelou as persoas presentes a sorrir e a “sentir o orgullo de pertencer a esta terra; de vivir, traballar e loitar por ela”.

Callón reivindica Nós como “única candidatura de país, coherente e de esquerdas”

Carlos Callón, candidato pola Coruña, reivindicou Nós como a “única candidatura de país, coherente e de esquerdas”. Foi moi crítico do tratamento que sofre a lingua como “residuo tóxico” por parte do Partido Popular. A xornada finalizou coas palabras de Carme Adán, candidata por Pontevedra, quen agradeceu o labor do BNG no Congreso e quen reivindicou unha tarifa eléctrica galega e solucións á crise gandeira, aos desafiuzamentos, á crise do naval ou á falta de crédito que padecen as familias. Arrincou un sonoro aplauso cando reclamou un Estatuto de Vítima de feminicidio.

As intervencións das candidatas e candidatos tecéronse coas intervencións sagaces de Isabel Risco e do Carrabouxo e da música do guitarrista Paco Barreiro e mais da alegría dos Tres Trebóns, que foron quen de erguer os candidatos e candidatas das súas cadeiras para bailar.

Comentarios