DECLARACIóNS DO COPORTAVOZ NACIONAL DE ANOVA

Noriega ve probábel "unha coligazón técnica" das "estruturas partidarias"

Até "última hora" non se irá resolver o formato en que se irá concretizar a lista que impulsa o Foro Político, o magma do que fan parte as mareas, Anova e a esquerda estatal.

Martiño Noriega [Imaxe de arquivo SG]
photo_camera Martiño Noriega [Imaxe de arquivo SG]

A tese que manexa Anova desde o principio deste proceso é que a formulación definitiva da lista ás xerais se fecharía no fío do prazo legalmente estabelecido, o 6 de novembro para as coligazóns eleitorais. Esta terza feira, reafirmou esa idea Martiño Noreiga, coportavoz nacional de Anova, quen avanzou -segundo declaracións recollidas por Europa Press- que esta terza feira se irían continuar a producir "reunións" e "conversas" e que o deseño definitivo da lista "se determinará a última hora".

Noriega admite que "o ideal" sería que na formulación da lista fosen ter un "rol" as plataformas cidadás, mais, dixo, todo indica que o formato definitivo da candidatura "pasará por unha coligazón técnica das estruturas partidarias que existen".

O tamén alcalde de Santiago lamentou que a converxencia coa lista impulsada pola Iniciativa pola Unión non fose finalmente posíbel.

A esta altura continúa a ser unha incógnita o procedimento de escolla das persoas que irán integrar as candidaturas promovidas polo Foro Político

A esta altura continúa a ser unha incógnita o procedimento de escolla das persoas que irán integrar as candidaturas promovidas polo Foro Político, a estrutura criada após o acordo do Encontro Galego pola Marea Galega e o trípode Anova-Esquerda Unida-Podemos.

En teoría, o lóxico sería pensar que a selección dos candidatos fose ser através de primarias, como as que está a realizar IpU e como as que defendeu en Sermos Galiza Marilar Aleixandre, portavoz do colectivo cidadá que esta cuarta feira vai realizar unha asemblea en Compostela (18.30 horas, lugar por determinar) para fechar definitivamente todos os aspectos relativos á candidatura do Foro. Porén, fontes de Anova consultadas por Sermos Galiza xa dixeron días atrás que talvez a premura dos prazos impedise a realización dunha elección con garantías. Nese caso abriríase paso a hipótese do consenso entre os distintos componentes do Foro. Aí o peso das "estruturas partidarias" -por empregar a terminoloxía de Noriega- sería presumibelmente decisivo.

Comentarios