Noriega é partidario de Compostela Aberta “explorar” a posibilidade dun goberno estábel

CA abrirá un proceso de diálogo con outras formacións, e será a asemblea nunha nova cita quen decida.

martinho_noriega_teo

Martiño Noriega avoga por “explorar” a posibilidade dun “goberno estábel, máis alá da minoría”, polo que considera que se deben abrir procesos de diálogo con outras formacións. Así o expresou o candidato de Compostela Aberta na concorrida asemblea que a formación realizou no seu local da Praza do Toural. Noriega pediu o apoio da asemblea para ese diálogo, se ben sinalou que até o de agora, e polo manifestado por estas, non semellan ter intención de formar parte dun goberno. Porén, considera “unha obriga” de CA abrir eses contactos e diálogo cos demais grupos para falar sempre en base a programas electorais.

Os pasos a dar agora será abrir ese diálogo, no que tomarán parte membros da lista que saíron concelleiros e un grupo de coordinación de CA, e realizarase de novo unha asemblea na que poderán ratificar decisións para un futuro goberno. “É importante manter o sorriso, a ilusión e o diálogo, que ladren outros”, afirmou Martiño Noriega nun momento da intervención.

Compostela Aberta tamén é partidaria de fixar espazos e puntos de traballo común e de “sinerxias” entre CA e a Marea Atlántica con vistas á Deputación da Coruña.

Comentarios