Eleccións municipais 2019

Noriega di que as mareas buscan “disputar a hexemonía ao PP e non “repartir fincas”

Martiño Noriega (Compostela Aberta), alcalde de Santiago; Jorge Suárez (Ferrol en Común), alcalde de Ferrol; Rafa Sisto (Son de Teo), alcalde de Teo, e Manuel Negreira (Anova), alcalde de Val do Dubra, entre outros representantes das mareas municipalistas, reúnense ao longo deste sábado, día 20, para avanzar no camiño das eleccións do ano que vén.

[Imaxe: Marea Atlántica]
photo_camera [Imaxe: Marea Atlántica]

“Recer rede entre as experiencias” das mareas municipalistas é, en palabras de Martiño Noriega, o obxectivo co que os rexedores de Compostela, Ferrol, Teo e Val do Dubra e outros responsábeis de mareas municipalistas manteñen unha reunión na xornada do sábado. Faltou a este encontro Xulio Ferreiro, o alcalde da Coruña, que non asistiu por “motivos persoais”, segundo afirmou nunha rede social, e mais Luís Villares, portavoz de En Marea, que se atopaba nun acto político en Sarria.

Ao inicio do encontro e en declaracións aos medios, Noriega salientou que o espazo que ocupan as mareas municipalistas está “consolidado” e situou estas candidaturas como as únicas capaces de “disputar a hexemonía” ao PP. Precisamente, dixo que ese é o obxectivo das mareas, e non “repartir fincas”.

O membro de Anova afirmou que “cada espazo” ten que decidir as fórmulas coas que concorrerá ás eleccións de 2019 aínda que advertiu de que “non se pode dar pasos atrás no que foi un espazo compartido en condicións de igualdade”.

Cuestionado polos medios a respeito de Podemos, Noriega sinalou que no “espazo de unidade” suman “as persoas, non as marcas”. Aliás, afirmou que lle “consta” o apoio de Villares para “construír desde o local”.

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, puxo de manifesto que “o acoso mediático e político” que, ao seu ver, padece Ferrol en Común, “está a producir un efecto inverso”, unha vez que hai uns días a formación política decidira presentarse coa mesma configuración ás eleccións de 2019.

Comentarios