Noriega avisa Podemos que "prescindir" de Anova e as mareas pon "en risco" o "cambio político" na Galiza

O ex alcalde admite que hai "conversacións" pero non "negociacións" porque Podemos insiste en manter a súa "postura hexemónica".

Martiño Noriega
photo_camera Martiño Noriega

O ex alcalde Santiago e membro de Anova, Martiño Noriega, advertiu Podemos que "prescindir" do soberanismo e o municipalismo que encarnan Anova e as mareas locais pon "en risco" a posibilidade de que se produza "un cambio político" na Galiza cun goberno alternativo ao Partido Popular de Núñez Feixoo.

Esta segunda feira, a cinco días do peche do prazo para o rexistro de coalicións electorais, Noriega asegurou que existen "conversas" con Podemos e Esquerda Unida mais non "negociacións" para configurar unha candidatura unitaria da chamada esquerda rupturista, que podería concorrer ao 5 de abril dividida en tres listas diferentes.

Noriega, que exclúe das conversas En Marea de Luís Villares, insistiu en que, polo momento, as posturas están afastadas porque Podemos pretende manter unha "posición hexemónica" sobre o espazo político, mentres que Anova e as mareas de Santiago e A Coruña consideran que a oferta electoral da candidatura estaría "incompleta" se non se inclúen as vertentes soberanistas de Anova e municipalista das mareas.

Segundo o responsábel de relacións de Anova co espazo político, a cuestión non está na "nomenclatura" da candidatura ou na persoa que a encabece, senón en que se recollan "todas" as sensibilidades en condicións de "igualdade" para así continuar coa idea de unidade popular da que, para Anova, se desmarcou Unidas Podemos.

"Sabemos que hai un amplo sector da poboación que demanda que esa chave de cambio teña todos os dentes", subliñou Noriega, quen reiterou que, haxa ou non acordo con Podemos, Anova estará nos comicios do 5 de abril nunha lista coas mareas municipalistas.

Así as cousas, considera que existe marxe para rubricar un acordo antes da sexta feira porque "as pontes" entres as distintas formacións do espazo político seguen en pé, aínda que cre que a postura de Podemos está lonxe de seguir no camiño da "unidade popular" que se iniciou en 2012 coa coalición para Alternativa Galega de Esquerdas (AGE).

Neste sentido, reivindicou o modelo das mareas municipalistas para o seu traslado á política galega, pois, segundo Noriega, nestes espazos "non houbo problemas internos" e conseguiron manter "un apoio cidadán do 20 por cento" a pesar da derrota nas urnas.

Non dan os números

Ademais, Martiño Noriega apoiouse nas enquisas electorais publicadas nas últimas semanas para advertir de que está en risco a posibilidade dun "cambio político" na Galiza e que, neste escenario, a ‘esquerda rupturista’ sería "unha chave" á que "non se lle poden quitar dentes", en referencia á posibilidade de que Galicia En Común, Anova e as mareas non alcancen un acordo que evite que concorran por separado.

E é que, segundo o exrexedor santiagués, "coa melancolía do bipartito" non é suficiente para unha maioría alternativa ao Partido Popular. "A día de hoxe non vin ningunha enquisa que lle quite a maioría absoluta ao PP nin sumando coa extrema dereita. Iso é porque a esquerda rupturista non está", apostilou, antes de reivindicar o peso que "aritmético" achegan as formacións que en 2016 integraron o partido instrumental En Marea.

Exclúe En Marea

Noriega, como xa fixo o pasado sábado o portavoz nacional do seu partido, Antón Sánchez; exclúe destas conversas En Marea de Luís Villares, pois cre que "despois de perder o apoio das organizacións" que no seu día a crearon, "tivo a oportunidade de testar" a súa oferta política nas eleccións estatais de maio, nas que obtivo pouco máis do 1 por cento dos votos.

En relación ás críticas vertidas por Villares desde hai máis dun ano pola influencia de Podemos no espazo político, o referente de Anova quixo desmarcarse do "discurso" do maxistrado en excedencia, aínda que recoñece que a formación morada trasladou a Galiza a súa intención de asentarse territorialmente "ocupando espazos que antes eran compartidos" como, di, ocorreu antes en Cataluña, Valencia ou Andalucía.

Isto, continuou, "non é novo" en política, pois ocorreu "co PSOE ou o BNG no seu momento", polo que chamou a restar "dramatismo" á situación, aínda que cre que a falta de entendemento entre a ‘esquerda rupturista’ resta opcións a alcanzar unha alternativa parlamentaria ao PP.

Esquerda Unida

Minutos antes da rolda de prensa de Martiño Noriega como portavoz de Compostela Aberta comparecía ante os medios, tamén en Santiago, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, que expresou a súa confianza en que poida pecharse un acordo antes desta sexta feira.

A cabeza de lista para as galegas de Esquerda Unida, que aposta por manter a fórmula Galicia en Común para o espazo en consonancia cos seus socios estatais de Podemos, manifestou que "hai marxe" para sumar a Anova á candidatura porque "non sobra ninguén".

Cuestionada sobre as críticas lanzadas polos responsábeis de Anova, Solla destacou que "a xenerosidade está sobre a mesa" e que tentarán sumar as nacionalistas até o último momento.

Sobre a candidatura do secretario xeral de Podemos Galiza, Antón Gómez-Reino, ás primarias da súa formación, Solla manifestou o seu "respeto" aos procesos internos dos seus socios.

Comentarios